Mercedes Queixas insta á Xunta a actualizar os protocolos de seguridade no CHUAC

A deputada do BNG, Mercedes Queixas, rexistrou un conxunto de iniciativas no Parlamento Galego co obxectivo de esixir á Xunta de Galicia a actualización dos protocolos de seguridade para todos os profesionais do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), despois da recente agresión sufrida por traballadores do centro sanitario.
Queixas recorda que, antes mesmo deste incidente, as delegadas e delegados de prevención de riscos laborais do CHUAC xa solicitaban a implementación de protocolos específicos para tratar con pacientes potencialmente agresivos debido ás súas patoloxías. A pesar destas peticións, os protocolos non foron postos en marcha, motivo polo cal o BNG impulsou estas iniciativas para abordar a problemática de maneira urxente.
“É fundamental adaptar as infraestruturas dos espazos sanitarios para poder atender a pacientes con comportamentos agresivos. Só así se garantirán as condicións de seguridade necesarias para que as traballadoras e traballadores do CHUAC poidan realizar o seu labor con garantías,” subliña Mercedes Queixas.
A deputada nacionalista tamén denuncia os efectos dos recortes realizados polo PP no Goberno Local, que deixaron ao sistema sanitario galego, e especialmente ao CHUAC, sen os recursos humanos necesarios para facer fronte ás crecentes demandas. "Os riscos para a seguridade dos profesionais sanitarios aumentan de forma exponencial cando se trata con pacientes de saúde mental, que requiren protocolos de actuación específicos", alerta Queixas.
Segundo traslada a problemática foi denunciada en varias ocasións polos traballadores do CHUAC, que alertaron á xerencia do hospital sobre as deficiencias en materia de seguridade, sen que, segundo Queixas, o Goberno galego tomase as medidas oportunas. “Esta alerta xa se produciu antes da agresión,” asegura a deputada, que tamén quere coñecer as medidas adoptadas pola xerencia do CHUAC tras a advertencia dos traballadores.
Mercedes Queixas tamén pregunta á Xunta de Galicia como ten previsto reforzar a seguridade no servizo de urxencias e o que se fixo concretamente para mellorar as condicións de traballo e protección dos profesionais do hospital coruñés.