MercaNaVila supera as 30.000 descargas en 72 horas

O programa MercaNaVila da Deputación da Coruña arrancou con forza: en só tres días rexistráronse 31.113 descargas dos bonos-desconto de 100 euros, máis da metade dos 60.000 dispoñibles para mercar en comercios de concellos con menos de 20.000 habitantes da provincia.
O ritmo de consumo tamén é alto: nas primeiras 72 horas xa se mobilizaron 1.210.000 euros dos 6 millóns previstos. Para o presidente provincial, Valentín González Formoso, as cifras confirman 'o éxito dunha iniciativa pioneira que combina innovación, proximidade e compromiso co territorio'.
Co obxectivo de dinamizar o comercio local e soster o emprego nos núcleos máis pequenos, a campaña permite que calquera persoa, viva onde viva, descargue os seus bonos —as compras deben facerse nas tendas adheridas dos concellos beneficiarios—.
Cada bono ofrece ata 100 € en descontos acumulables, aplicando entre 5 e 15 euros por operación no momento da compra. A través da web pódense descargar gratuitamente os bonos, consultar os establecementos adheridos (máis de 900) e localizalos por concello ou sector.
A Deputación e a Federación Galega de Comercio salientan o impacto real da medida, que xa se percibe en maior afluencia e vendas nos primeiros días. A campaña continúa mentres haxa dispoñibilidade de bonos e o listado de comercios actualízase a diario na web.