Mera acolle o XXXV Tríatlon Concello de Oleiros con 200 deportistas en competición

O vindeiro sábado 24 de maio celebrarase en Mera o XXXV Tríatlon Concello de Oleiros, unha proba xa consolidada no calendario deportivo da comarca, na que participarán 200 deportistas das categorías júnior, xuvenil, sub 23, absoluto, veterano 1, veterano 2 e veterano 3.
A competición comezará ás 16.00 horas e desenvolverase en modalidade sprint, con distancias de 750 metros de natación, 21 quilómetros de bicicleta e 5,5 quilómetros de carreira a pé. A saída da proba de natación terá lugar na praia de Santa Ana, rematando na praia de Mera, mentres que a meta final estará situada no parque da Lagoa de Mera.
Con motivo da celebración do tríatlon, a estrada xeral AC-173 de acceso a Mera permanecerá pechada entre as 16.00 e as 18.00 horas aproximadamente, no tramo comprendido entre a intersección de Lourido e o parque da Lagoa. Os vehículos que necesiten acceder a Mera poderán facelo pola vía Ártabra.
A organización apela á colaboración da veciñanza e lembra a importancia deste evento que reúne cada ano a atletas de múltiples categorías nunha contorna privilexiada para a práctica deportiva.