Memoria, cultura e participación para o 8M: a Deputación reivindica que sen as mulleres non hai progreso

ACoruñaXa
A programación provincial combina actos de lembranza e visibilización, propostas culturais e actividades nos concellos, cun fío condutor: o poder colectivo das mulleres para transformar a sociedade
DEPU CORU 8m 2026
6 Mar 2026

A Deputación da Coruña conmemora este ano o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, cunha programación que mestura memoria, igualdade e participación social para lembrar que a igualdade non é un logro irreversible, senón unha conquista cotiá. A institución insiste en que recuperar a memoria das mulleres, facer visibles as súas resistencias e fortalecer a sororidade resulta clave para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, e lanza unha mensaxe central: sen as mulleres non hai progreso nin xustiza social.

Entre as propostas destacadas figura a presentación do proxecto 'Mulleres da Reconversión', unha iniciativa centrada en Ferrolterra que reivindica o papel das mulleres na reconversión naval dos anos 80 e 90. O traballo inclúe encontros en Fene, recollida de testemuños, unha visita ás antigas instalacións de ASTANO e a produción de materiais como un documental, unha exposición itinerante e unha publicación dixital. A presentación pública celebrarase este venres 6 de marzo ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Fene.

A axenda do 8M incorpora tamén unha cita musical: o concerto 'Vacanal Sinfónica', co que o grupo De Vacas celebra o seu décimo aniversario. O espectáculo será o 7 de marzo ás 20.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo, con arranxos de Lucas Rei, a participación do Coro da Ra baixo a dirección de Ramón Bermejo e unha orquestra creada especificamente para este proxecto.

Nos vindeiros meses, a Deputación levará ademais a cinco concellos a exposición 'Sinaladas', da xornalista e investigadora Montse Fajardo, adaptada a formato interior. A mostra percorre cen anos de loita das mulleres galegas a través de 39 paneis organizados en tres bloques, desde o período anterior ao golpe de Estado ata as consecuencias da ditadura e as primeiras ondas do feminismo. Presentarase en Coirós, Moeche, Muros, Muxía e Sobrado.

A programación completarase con actividades en distintos puntos da provincia (obradoiros, teatro, contacontos e proxeccións, con propostas para público infantil e adulto) e coa avaliación do I Plan Provincial de Igualdade e a diagnose previa do II Plan Provincial 2027-2031, co obxectivo de reforzar as políticas públicas de igualdade.

0.11580514907837