Meirás acolle o domingo 21 un mercadiño solidario na residencia Raiola a favor de Asanog

A residencia Raiola de Meirás, en Sada, organizará o vindeiro domingo 21 de decembro, a partir das 11.00 horas, un mercadiño solidario no que creatividade e apoio social irán da man. A iniciativa, difundida polo Concello, propón unha xornada aberta á veciñanza na que se poderán mercar detalles elaborados polas propias persoas residentes.
Entre os produtos á venda haberá flores artesanais, servilleteiros, abanicos, pezas de cerámica e outros agasallos pensados para estas datas, ademais de sorteos ao longo da mañá. Xunto ao posto principal, sumaranse outras entidades locais, que instalarán tamén as súas mesas con artigos propios para colaborar coa recadación.
O programa complétase con actividades para todos os públicos: pintacaras para a rapazada e unha pequena foliada protagonizada por nenos e nenas para poñer música e ambiente á xornada. O obxectivo final é solidario: todo o que se obteña coa venda dos obxectos feitos polas persoas residentes destinarase a Asanog, asociación galega que traballa para mellorar a calidade de vida de menores con cancro e das súas familias.
A cita celebrarase nas instalacións de Raiola Meirás, situadas no lugar Piñeiro, na parroquia de Meirás (Sada).