Medio millón de euros para blindar a atención sociosanitaria de 28 entidades da provincia

A Deputación da Coruña reforza este ano a rede de apoio sociosanitario da provincia cunha achega de 499.965,49 euros destinada ao mantemento de programas impulsados por 28 entidades sociais sen ánimo de lucro. A resolución da convocatoria publicouse este 12 de marzo no Boletín Oficial da Provincia e permitirá dar continuidade a servizos considerados esenciais para centos de pacientes e as súas familias.
As axudas chegan a asociacións e federacións que traballan con persoas afectadas por dano cerebral, cancro, esclerose múltiple, ELA, enfermidades raras, trastornos da conduta alimentaria ou doenzas neuromusculares, entre outras. O obxectivo é garantir a continuidade de atencións especializadas como fisioterapia, psicoloxía, asesoramento e traballo social, prestacións que moitas veces complementan a cobertura do sistema público.
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, subliñou a importancia desta liña de financiamento e definiuna como 'un pulmón financeiro imprescindible para que as entidades poidan manter servizos especializados de fisioterapia, psicoloxía e traballo social aos que o sistema público non sempre chega'.
A convocatoria provincial cobre proxectos de dimensión moi diversa. O importe máis elevado alcanza os 40.000 euros, cantidade concedida á Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple e á Asociación de Dano Cerebral Sarela para terapias de rehabilitación de maior complexidade. No extremo oposto sitúase a axuda máis modesta, de 1.394,54 euros.
Entre as entidades beneficiarias figuran colectivos coñecidos no ámbito sociosanitario galego, como ANHIDACORUÑA, ASANOG, ALCER Coruña, a Asociación Española Contra o Cancro, ASPERGA, AGAL, ASEM Galicia, Parkinson Galicia, FEGADACE, FEGEREC, a Fundación Andrea, a Fundación DEGEN ou a Liga Reumatolóxica Galega. A relación complétase con outras asociacións e federacións que desenvolven programas de atención directa e acompañamento en distintos puntos da provincia.
Con esta nova resolución, a institución provincial mantén o seu respaldo ao tecido asociativo que cobre necesidades básicas de persoas con enfermidades crónicas e das súas familias, nun contexto no que estas organizacións se teñen convertido nunha peza clave para soster tratamentos, seguimento terapéutico e orientación social.