Medio millón de euros en bolsas para impulsar a investigación e a formación artística da mocidade coruñesa

A Deputación da Coruña vén de publicar as bases dunha nova convocatoria de bolsas destinada a apoiar á mocidade da provincia tanto en proxectos de investigación como no perfeccionamento de estudos artísticos. En total, súmanse 48 axudas de 10.000 euros cada unha, cun orzamento global de 480.000 euros para o curso 2026-2027.
A liña de investigación inclúe 20 bolsas dirixidas a persoas con titulación universitaria, menores de 36 anos e con residencia en calquera concello da provincia da Coruña. As persoas beneficiarias deberán desenvolver un traballo de investigación durante un período mínimo de nove meses. As axudas repártense por áreas: cinco para proxectos de artes e humanidades, catro de ciencias da saúde, cinco de ciencias sociais, xurídicas ou estudos de xénero, catro de ciencias e dúas de enxeñería e arquitectura.
No eido do perfeccionamento artístico, a Deputación convoca 28 bolsas (280.000 euros) para financiar formación fóra de Galicia. A convocatoria contempla varias disciplinas: audiovisual (tres bolsas), danza e artes do movemento (tres), ilustración, artes plásticas e visuais (catro), música (15) e teatro e interpretación escénica (tres). O obxectivo é facilitar que alumnado da provincia complete a súa preparación en centros especializados de alto nivel noutras comunidades e tamén no estranxeiro.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto do 16 de marzo ao 16 de abril. As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia e na web da Deputación.