Medio cento de veciños de Cortiñán cortan a estrada en Bergondo para frear o novo trazado do tren

ACoruñaXa
A veciñanza denuncia que a alternativa do Ministerio de Transportes eliminaría o baipás de Infesta e deixaría as vías do ferrocarril a só 8 metros dalgunhas vivendas para aforrar 7 minutos na viaxe entre A Coruña e Ferrol
BERGONDO manifa cortiñan
28 Oct 2025

As e os veciños de Cortiñán, na parroquia bergondesa afectada polo trazado ferroviario, saíron hoxe á rúa para protestar contra o proxecto do Ministerio de Transportes, que prevé suprimir o baipás de Infesta e modificar o ramal de conexión entre as liñas León–A Coruña e Betanzos-Infesta–Ferrol. Preto de medio cento de persoas cortaron durante arredor de 15-20 minutos a estrada provincial baixo o viaduto do tren, no punto que une Cortiñán con Montellos, e bloquearon o paso de vehículos procedentes da zona do polígono de Betanzos.

Na mobilización, convocada polo Concello de Bergondo, participaron residentes afectados e representantes de diversas formacións políticas con presenza na corporación municipal. Estiveron a alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez (PSOE); o primeiro tenente de alcalde, Juan Fariña; e o voceiro do PP, Manuel Fafián. Tamén acudiron o alcalde de Oleiros e líder de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, e o párroco de Bergondo, Rubén Aramburu.

O foco da protesta está no impacto directo sobre as vivendas e as leiras. ‘Hoxe temos a vía a un quilómetro, pero se fan a obra quedará a 8 metros da nosa casa, tirando un pozo e un garaxe’, denunciou Pablo Aldao, un dos veciños mobilizados. Outra afectada, Sandra, teme que a súa casa quede practicamente pegada a un novo viaduto incluído nunha actuación orzada en torno aos 29 millóns de euros. A veciñanza advirte de que case todas as casas e parcelas da zona sofren algunha afección. Segundo o Concello, o plan estatal, coñecido como Alternativa 6, busca gañar entre 6 e 7 minutos no traxecto entre A Coruña e Ferrol, pero a custa dun forte impacto urbanístico e social en Cortiñán.

O Concello de Bergondo defende unha proposta propia, a chamada Alternativa 5S, que desprazaría o trazado para afastalo das zonas residenciais, reduciría expropiacións e abarataría o custo, limitando a necesidade de viadutos e levando a maior parte da infraestrutura a áreas forestais ou industriais. O executivo local asegura que esta alternativa protexe o dereito a vivir en Cortiñán e evita ‘mutilar’ a parroquia. Pola súa banda, o Ministerio defende que a súa opción cumpre a normativa, ten avaliación ambiental e garante a operatividade do ramal.

‘Non hai un beneficio común para Cortiñán nunha inversión deste calibre’, afirmou a alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, quen critica que o proxecto estatal é ‘un parche’ para restar uns minutos sen unha visión clara do futuro da liña cara Ferrol.

A veciñanza xa avanzou que a mobilización deste martes é só a primeira e anunciou novas protestas para facerse escoitar antes de que o Ministerio tome unha decisión definitiva sobre o trazado.

⚙ Configurar cookies
0.071051120758057