Medio cento de clubs galegos participarán no II Gran Premio de Ciclismo en Ruta Cidade da Coruña
Este sábado 7 de setembro celebrarase o II Gran Premio de Ciclismo en Ruta Cidade da Coruña, unha proba que reunirá a máis de 250 ciclistas de diferentes categorías, tanto masculinas como femininas e adaptadas. O evento terá lugar nas inmediacións do Palacio dos Deportes de Riazor, onde se instalará o circuíto que acollerá as competicións.
O Goberno de Inés Rey, en colaboración co Club Triatlón Coruña, organiza esta segunda edición co obxectivo de fomentar o ciclismo e o deporte entre os coruñeses e coruñesas, especialmente entre a mocidade. Nesta ocasión, participarán máis de medio cento de clubs de ciclismo das catro provincias galegas, superando o límite de 300 participantes e convertendo o evento nunha das grandes citas do ciclismo autonómico.
O percorrido da competición incluirá unha saída desde o cruzamento da Avenida de Bos Aires coa Avenida da Habana, pasando pola glorieta das Escravas, o paseo de Rolda, San Roque de Fóra con Sor Joaquina e regresando á liña de meta. A competición, organizada xunto á Federación Galega de Ciclismo e a Cruz Vermella, comezará ás 16.00 horas e rematará aproximadamente ás 21.00 horas.
Os ciclistas poderán recoller os seus dorsais o mesmo sábado, entre as 14.30 e as 15.30, en Riazor. Ademais das probas principais, habilitarase unha zona de xincana no aparcadoiro do Palacio dos Deportes para as categorías inferiores. A entrega de trofeos terá lugar ás 18.30 e ás 21.00 horas, coa presenza do concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e un representante da Federación Galega de Ciclismo.
Os horarios das probas son os seguintes:
Inicio da competición: 16.00 horas
1ª manga: Promesa masc/fem, 1 volta a 1 quilómetro
2ª manga: Principiantes masc/fem, 2 voltas a 2 quilómetros
3ª manga: Alevín masc/fem, 7 voltas
4ª manga: Infantil masc/fem, 10 voltas
5ª manga: Cadete masc (eliminación)
Paralelamente, desenvolvemento do circuíto adicional: xincana para promesas e principiantes
Entrega de premios: 18.30 horas
6ª manga: Ciclismo adaptado (voltas segundo participación)
7ª manga: Júnior masc (eliminación)
8ª manga: Élite – sub23 fem + junior fem + cadete fem + master fem (eliminación)
9ª manga: Élite – sub23 + masters masc (eliminación)
Entrega de premios: 21.00 horas
Este evento promete ser unha gran festa do ciclismo en A Coruña, coa participación de clubs e ciclistas de toda Galicia e un programa variado para todas as idades.