Medio Ambiente elimina un punto de vertedura no rego Callou en Betanzos

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, vén de confirmar a eliminación dun vertedura de augas residuais que estaba a afectar o rego Callou, na parroquia de Piadela (Concello de Betanzos), dentro da bacía da ría de Ares-Betanzos. A actuación enmárcase no traballo continuo do Programa de Control de Vertidos da administración autonómica.
O foco contaminante tiña a súa orixe nunha conexión irregular das augas residuais dunha vivenda particular coa rede municipal de augas pluviais, o que provocaba a chegada directa destes residuos ao rego no lugar de Viuxe.
O problema foi detectado durante unha campaña de revisión da rede fluvial municipal. "Nunha analítica realizada, detectouse a presenza de contaminación de orixe fecal", polo que se requiriu ao Concello de Betanzos a elaboración dun plan de acción para eliminar estes aportes irregulares.
Tras a solicitude, o Goberno local remitiu un informe da empresa concesionaria do servizo de saneamento no que se identificaba a vivenda unifamiliar responsable da conexión errónea. A partir de aí, técnicos de Augas de Galicia realizaron varias inspeccións conxuntas coa concesionaria para avaliar a situación.
Nunha primeira fase das visitas non se atoparon indicios claros de contaminación, mais foi nunha recente comprobación cando os técnicos puideron confirmar que se eliminara a conexión indebida coa rede de pluviais. Así, "confirmouse a emenda dos aportes contaminantes do punto de vertido".
Esta intervención súmase aos esforzos da Xunta de Galicia por garantir o bo estado ecolóxico das masas de auga e pola mellora continua das infraestruturas hidráulicas nos concellos galegos.