'Maxín Galáctico', o campamento de primavera que ofrece conciliación en Semana Santa en Culleredo

ACoruñaXa
A iniciativa celebrarase do 30 de marzo ao 6 de abril no CEIP Vila de Rutis, con ata 90 prazas e actividades de 9.00 a 14.00 horas
CULLEREDO maxin galáctico
20 Feb 2026

O Concello de Culleredo volverá ofrecer este ano unha alternativa de lecer e conciliación para as vacacións de Semana Santa. A área de Cultura, Educación, Deportes e Participación Cidadá pon en marcha o Campamento de Primavera, que nesta edición leva por nome 'Maxín Galáctico' e está pensado para que as familias conten cun recurso durante os días non lectivos.

A actividade desenvolverase do 30 de marzo ao 6 de abril no CEIP Vila de Rutis, en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas. O programa inclúe propostas variadas que combinan xogos e dinámicas orientadas ao desenvolvemento de capacidades, adaptadas ás idades participantes.

O campamento diríxese a nenos e nenas de 3 a 12 anos matriculados en Educación Infantil e Primaria. Haberá un máximo de 90 prazas e terán preferencia as persoas empadroadas en Culleredo ou con domicilio laboral no municipio que acrediten a necesidade do servizo para conciliar.

O prezo da matrícula será de 21 euros para menores empadroados e de 42 euros para non empadroados. Ademais, existirán servizos complementarios (con custo adicional): almorzo de 7.30 a 9.00 horas e comida de 14.00 a 16.00 horas.

As solicitudes deberán tramitarse a través dun formulario dispoñible na web municipal. O prazo abrirase ás 9.00 horas do luns 2 de marzo e pecharase ás 14.00 horas do venres 6. A listaxe de admitidos publicarase o 10 de marzo e o pagamento da matrícula poderá realizarse ata o día 16.

⚙ Configurar cookies
0.079394102096558