Martínez Canosa alerta dunha situación “insostible” nas aulas de Arteixo polas altas temperaturas

ACoruñaXa
A concelleira presentará unha moción no pleno de abril para reclamar actuacións ao Concello e á Xunta
ies-murguia-arteixo
21 Apr 2025

A concelleira Noelia Martínez Canosa presentará no vindeiro pleno municipal unha moción para reclamar solucións inmediatas fronte ás altas temperaturas que, segundo afirma, están a sufrir tanto o alumnado como o persoal docente dos centros educativos de Arteixo. A situación, sinala, vese agravada polo cambio climático e a falta de adaptación dos edificios escolares ás novas condicións ambientais.

Martínez Canosa alerta de que “o cambio climático está a provocar que o verán se adiante e se prolongue, cun aumento de ondas de calor que afectan directamente ao desenvolvemento da actividade lectiva”. Afirma que moitas aulas superan os 30 ºC xa desde comezos de abril, situación que cualifica de “insostible”.

A concelleira lembra que a maior parte dos colexios e garderías foron construídos sen criterios de eficiencia enerxética, polo que non están preparados para afrontar as temperaturas actuais. Entre as medidas que propón, destacan a mellora do illamento de tellados e fachadas, o cambio de xanelas, a ventilación pasiva, a climatización, o uso de enerxía solar para autoconsumo e a creación de zonas de sombra con vexetación nos patios escolares.

Segundo Martínez Canosa, “a calor extrema afecta á saúde, ao benestar e ao rendemento académico do alumnado, e supón un risco para o persoal dos centros”. Engade que o estrés térmico pode derivar en problemas respiratorios, deshidratación ou dificultades de concentración, e cita estudos que apuntan a un descenso da capacidade cognitiva en condicións de temperatura elevada.

A concelleira asegura ter recibido numerosas queixas por parte da comunidade educativa nos últimos anos e denuncia a falta de resposta por parte das administracións. “É imprescindible que os organismos responsables dos centros educativos actúen xa. Non se pode seguir ignorando unha realidade que pon en risco a saúde e o dereito a unha educación en condicións dignas”, conclúe.

Martínez Canosa insiste en que as medidas deben ser “efectivas, sostibles e urxentes” para garantir un futuro educativo adaptado aos retos da crise climática.

⚙ Configurar cookies
0.14692807197571