Marineda City consolida o seu liderado en Galicia coa apertura da súa ampliación

ACoruñaXa
O centro coruñés estrea un novo espazo tras dous anos de obras e 41 millóns de investimento, con máis de trinta novas marcas e unha gran praza Emilia Pardo Bazán como epicentro
A CORUÑA inauguración marineda
Imaxe de Leo López Fotografía
23 Oct 2025

Marineda City, inaugurou esta tarde a súa ampliación nun acto presidido por Ismael Clemente, CEO de MERLIN; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. Tamén participaron a xerente do centro, Purificación Berdejo, e o arquitecto e socio director de L35 Arquitectos, Ángel Pi, responsable do deseño.

Tras dous anos de reforma e un investimento de 41 millóns de euros, o público poderá gozar desde mañá dun novo ámbito plenamente integrado no complexo comercial, que incorpora máis de trinta enseñas de alimentación, moda, deporte, fogar, restauración e lecer, ocupando máis do 95% da súa superficie bruta arrendable.

O acto celebrouse na nova gran praza central, a praza Emilia Pardo Bazán, chamada a converterse no corazón deste renovado Marineda City: un espazo máis amplo, con abundante luz natural e concibido como lugar de encontro e experiencias. As persoas convidadas percorreron as plantas do novo ámbito, caracterizado por un deseño diáfano e luminoso —coa prolongación do lucernario— e un ambiente cálido grazas á integración de estruturas de madeira e zonas de vexetación. Segundo explicou Ángel Pi, o mall recibe luz en todos os niveis a través de lucernarios e grandes panos verticais que a reflicten, mentres que a praza queda totalmente cuberta por un amplo lucernario que unifica a percepción do conxunto mediante unha lámina metálica ondulada e unha coronación de madeira acústica.

A sustentabilidade foi outro dos piares da intervención, en liña coas accións impulsadas por MERLIN nos últimos anos no centro: medidas de valorización e reciclaxe, así como sistemas de aforro de auga e enerxía.

No ámbito económico e social, Ismael Clemente salientou a aposta de MERLIN por Marineda City como buque insignia do seu portfolio retail: 41 millóns investidos, preto de 30.000 m² engadidos de superficie comercial e máis de 800 empregos directos e indirectos xerados nesta fase. Pola súa banda, a alcaldesa, Inés Rey, felicitou os equipos implicados e subliñou a contribución do proxecto a unha Coruña moderna e inclusiva; Pedro Blanco puxo en valor o dinamismo da cidade; e Miguel Corgos agradeceu a ampliación dun dos espazos comerciais de referencia en Galicia, estimando que permitirá acadar os 4.000 postos de traballo no conxunto do complexo.

A partir de do venres 24 de outubro, abrirán firmas como Scalpers, Mango Teen, Kiabi, Pepco, Punt Roma, Joma, Fútbol Emotion, Sprinter, RKS, JD Sports e o outlet Half Price; así como Primaprix (alimentación), MGI (fogares, xoguetes e agasallos), JYSK (decoración), Oh’Gar (menaxe) e Guaw (mascotas). Engádense tamén os 800 m² de Druni, a renovada e ampliada Arenal, Multiópticas, a cafetería Bombon Boss e a cadea de restauración VIPS.

Nas próximas semanas sumaranse Mercadona, Veritas, Starbucks e o primeiro restaurante Vicio da Coruña; no eido tecnolóxico, o distribuidor oficial Apple K-tuin e CeX; e no descanso, BED’s.

De cara a 2026 está prevista a apertura de Estrella Park Aventura, con máis de 7.000 m², que aspira a ser o maior centro de ocio familiar de Galicia: tobogáns, inchables XXL, realidade virtual, simuladores, mission room, pistas de fútbol indoor e salas de aniversario.

Para celebrar a posta en marcha da ampliación, do 27 de outubro ao 8 de novembro Marineda City repartirá 30.000 euros en premios entre a clientela, con sorteos, tarxetas regalo, smartphones e ata un ano de compras gratuítas, entre outras sorpresas.

⚙ Configurar cookies
0.082329988479614