Mariñas Coruñesas renovará a súa imaxe en feiras e eventos cun stand inspirado na tradición local

ACoruñaXa
A instalación modular incluirá elementos etnográficos e servirá para promocionar os 17 municipios da Reserva de Biosfera
ABEGONDO stand biosfera
17 Aug 2025

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas está a impulsar un novo proxecto para mellorar a súa presenza en feiras e encontros profesionais. A iniciativa consiste na produción dun stand que amosará a identidade e riqueza cultural dos 17 municipios que integran a entidade, así como dos seus produtores e empresas turísticas.

O deseño, realizado por Luis Galán, incorpora referencias a elementos tradicionais da comarca como o hórreo mariñán, as bodegas de viño, a artesa de pan, o banco tradicional ou a casa mariñeira. O stand contará cun formato modular, o que permitirá adaptalo ás dimensións e características de cada evento. Incluirá expositores, mostradores, zonas de reunión, espazos para xogos e unha cociña para showcookings, co obxectivo de reforzar a imaxe da Reserva como destino gastronómico e cultural.

A licitación para a súa produción permanecerá aberta ata o 19 de agosto e conta cun orzamento de 40.278 euros, financiados a través do Plan de Sostibilidade Turística da Reserva con fondos Next Generation.

Segundo o presidente da entidade, José Antonio Santiso, “cada vez hai máis espazos interesados en acoller a Reserva de Biosfera, e tamén máis produtos turísticos que ofrecer; contar cun stand moderno e versátil é clave para seguir medrando”.

⚙ Configurar cookies
0.17430901527405