Mariñas Coruñesas reintroducirá flora acuática no encoro de Abegondo-Cecebre para mellorar a biodiversidade

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas impulsa novas accións de conservación e mellora medioambiental na zona, centradas no encoro de Abegondo-Cecebre, un espazo integrado na Rede Natura 2000 e núcleo da Reserva. Estas iniciativas teñen como obxectivo preservar e restaurar o patrimonio natural do territorio, promovendo a biodiversidade e a calidade das augas.
Unha das primeiras actuacións será unha proba piloto de reintrodución da Typha latifolia, planta acuática que antigamente abundaba no encoro e que actualmente só se atopa de forma residual. Co seu regreso preténdese proporcionar hábitats de refuxio e aniñamento para aves acuáticas, anfibios e insectos, así como avaliar a mellora da calidade da auga e o impacto do cangrexo americano sobre esta flora.
Ademais, Mariñas Coruñesas continuará co mantemento e conservación do bosque higrófilo restaurado, Hábitat 91E0, prioritario segundo a Directiva Hábitats da UE, dentro do proxecto LIFE Fluvial. Estes corredores fluviais son fundamentais para a conectividade ecolóxica e a protección de hábitats prioritarios, garantindo a consolidación dos avances acadados e a preservación da biodiversidade asociada.
A Reserva tamén promoverá xornadas de divulgación ambiental para sensibilizar á cidadanía sobre a importancia do patrimonio natural. Todas as accións contan coa colaboración da Mesa Medioambiental, da Deputación da Coruña e da Cátedra EMALCSA da Universidade da Coruña, permitindo un enfoque participativo e a avaliación continua das medidas implementadas.