Mariñas Coruñesas recoñece a calidade turística das súas entidades e empresas en BioCultura

Mariñas Coruñesas entregou a súa triple certificación de calidade a oficinas de información turística, museos, centros de información e novas empresas adheridas nun acto público celebrado dentro da programación da sexta edición de BioCultura. A entrega de diplomas tivo lugar no stand que a Reserva de Biosfera instalou en EXPOCoruña, coa participación do presidente de Mariñas Coruñesas, José Antonio Santiso; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o vicepresidente da entidade, Sergio Platas; e a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita.
Todas as entidades recoñecidas obtiveron a certificación da Marca de Calidade da Reserva de Biosfera, o Sistema de Calidade Turística SICTED e a adhesión ao Club de Ecoturismo de España – Soy Ecoturista. Entre os galardoados atópanse oficinas de turismo, museos e empresas vinculadas ao ecoturismo e á hostalaría, reforzando así a aposta pola calidade e a sostibilidade no territorio.
En total, entregáronse 15 distincións, recoñecendo o compromiso coa calidade turística de oficinas de turismo, museos e empresas. Entre as entidades premiadas atópanse o Aula do Mar de Oleiros, a Casa Museo María Antonia Dans de Curtis, o Centro Etnográfico Río Mandeo de Teixeiro, o Museo Xacemento Romano de Cambre e diversas oficinas de turismo situadas en Betanzos, Culleredo, Miño, Sada, Oleiros (Santa Cristina) e Sobrado dos Monxes, así como o Centro de Interpretación do Río Mandeo en Coirós.
No ámbito empresarial, foron galardoadas iniciativas vinculadas ao ecoturismo, a educación ambiental e a hostalaría, como Ecotono Educación Ambiental en Miño, La Madriguera de Pichi en Bergondo, o Mesón Museo Xente no Camiño en Abegondo e o Hotel Noa Boutique en Oleiros.
O presidente da Reserva destacou a importancia de fomentar o traballo en rede e unir esforzos para consolidar un turismo de calidade na contorna, avanzando cara a unha oferta singular, diferenciada e menos estacional. Pola súa banda, Xosé Regueira puxo en valor as boas prácticas da Reserva, subliñando que constitúe un exemplo do que outros destinos poden aprender.
Mariñas Coruñesas continúa a súa expansión como destino de referencia, contando xa cunha ampla rede de empresas certificadas, desde restaurantes e aloxamentos ata iniciativas de agroturismo, transporte e actividades turísticas, o que consolida a Reserva como un modelo de desenvolvemento sostible e de promoción do territorio.