Mariñas Coruñesas presenta alegacións contra a central de bombeo de Meirama polo seu posible impacto ‘irreversible’

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo presentou formalmente alegacións contra o proxecto da Central Hidroeléctrica de Bombeo de Meirama e a súa infraestrutura de evacuación, actualmente en trámite de información pública ao abeiro da solicitude de autorización administrativa previa e do estudo de impacto ambiental. A instalación afecta aos termos municipais de Cerceda, Ordes e Carral.
Segundo explica a entidade, tras unha análise técnica e contactos con colectivos do territorio, conclúe que a proposta supón unha ameaza para o patrimonio natural e paisaxístico e para o modelo de sostibilidade marcado no seu Plan de Xestión, ademais de poder repercutir na calidade de vida da veciñanza. A Reserva amosa tamén o seu respaldo ás demandas veciñais e medioambientais e reclama que non se permita unha proliferación ‘desordenada’ de proxectos industriais que, ao seu xuízo, degradan a paisaxe e comprometen servizos ecosistémicos recoñecidos pola UNESCO.
O escrito, dunhas corenta páxinas, pon o foco especialmente na contorna do Monte Xalo, incluído no ámbito da Reserva e sinalado en distintos inventarios e recursos divulgativos como espazo de interese paisaxístico e natural.
Entre os impactos subliñados figuran as posibles afeccións hidrolóxicas na conca do río Mero, relevante para o abastecemento de auga da área coruñesa, así como os riscos sobre especies e hábitats sensibles, como o desmán ibérico (Galemys pirenaicus) e zonas de matogueira húmida que funcionan como refuxio de anfibios ameazados. A entidade tamén advirte de eventuais cambios no microclima pola dimensión da balsa proxectada.
Por último, Mariñas Coruñesas insiste no ‘efecto acumulativo’ de proxectos enerxéticos na zona como parques eólicos, liñas, subestacións e alta tensión, e sostén que a suma de impactos resulta incompatible cos obxectivos de conservación e desenvolvemento sostible da Reserva.