Mariñas Coruñesas participará activamente na feira BioCultura, con máis de 150 expositores

ACoruñaXa
Desenvolveranse máis de 150 actividades, cunha previsión de superar os 13.000 visitantes
feria_biocultura20
28 Feb 2025

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas terá unha presenza destacada na nova edición de BioCultura, a feira máis importante do Estado en produtos ecolóxicos e ecoturismo, que se celebrará en EXPOCoruña do 7 ao 9 de marzo. O evento reunirá máis de 150 expositores de sectores como a alimentación bio, o ecoturismo, a cosmética ecolóxica, a moda sustentable, a vivenda saudable, o benestar, o eco estilo de vida, as artesanías e as ONG. Ademais, desenvolveranse máis de 150 actividades, cunha previsión de superar os 13.000 visitantes.

Mariñas Coruñesas dará comezo á súa ampla programación o venres 7 de marzo, ás 9.00 horas, coa presentación das xornadas que levará a cabo durante os tres días, en colaboración coa Universidade da Coruña, EXPOCoruña e a propia organización de BioCultura.

Nesta edición, a Reserva de Biosfera presentará novas iniciativas de sustentabilidade turística no primeiro destino de ecoturismo certificado de Galicia. Tamén organizará unha mesa redonda sobre a tripla certificación que outorga a entidade ás empresas do territorio e unha exposición sobre os desafíos do medio rural, liderada por Sergio Muíño.

Varias empresas asociadas á Marca da Reserva de Biosfera estarán presentes en BioCultura, como Abeiro da Loba, A Artesa da Moza Crecha, Brasa de Beche ou 77 Turismo Betanzos. Ademais, darase a coñecer o proxecto I-ReWater, centrado no uso de auga rexenerada para o cultivo de lúpulo con Lutega. Durante toda a fin de semana, os asistentes poderán gozar dunha zona gastronómica con Paula Martínez e Lolo Mosteiro, de A Artesa da Moza Crecha, así como dun espazo infantil pensado para os máis pequenos.

⚙ Configurar cookies
0.16351103782654