Mariñas Coruñesas lanza o seu primeiro gran Plan de Dixitalización para o sector turístico

ACoruñaXa
A proposta nace co obxectivo de ofrecer formación e asesoramento personalizado ás pemes e persoas autónomas
marinhas-corunhesas
7 May 2025

A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas vén de poñer en marcha o seu primeiro gran Plan de Dixitalización dirixido ao tecido empresarial turístico do territorio. Cun orzamento de 68.849,03 euros, esta iniciativa está en fase de licitación pública ata o vindeiro 20 de maio e forma parte do Plan de Sostibilidade de Mariñas Coruñesas, cofinanciado cos fondos europeos Next Generation.

A proposta nace co obxectivo de ofrecer formación e asesoramento personalizado ás pemes e persoas autónomas do sector turístico, de xeito que poidan incorporar as últimas tecnoloxías aos seus negocios. “A dixitalización pode transformar, para ben, o día a día dunha empresa turística e desde a Reserva queremos proporcionar as ferramentas para logralo”, afirma o presidente da Reserva, José Antonio Santiso.

O plan estrutúrase en tres fases. A primeira céntrase na formación grupal cun enfoque innovador baseado na interacción e na gamificación. Esta etapa combinará obradoiros dinámicos, retos en tempo real e demostracións prácticas, nun formato visual e atractivo pensado para superar a formación tradicional.

Os contidos adaptaranse á realidade de cada negocio e incluirán aspectos como a creación de contido para redes sociais, a implantación de ferramentas de xestión dixital, a automatización de WhatsApp Business ou a optimización da presenza en Google MyBusiness.

A segunda fase consistirá nun diagnóstico individualizado e en asesoramentos personalizados. As accións propostas adaptaranse ao sector concreto de cada empresa. No caso da hostalería, abordaranse aspectos como a simulación dun cliente misterioso dixital, a reputación online ou campañas promocionais con bonos de agasallo. Para os aloxamentos, trataranse temas como reservas dixitais, fidelización a través de email marketing ou a xeración de contido para redes. O mesmo se aplicará ás empresas de agroturismo e actividades turísticas.

A terceira fase centraráse na consolidación das boas prácticas dixitais, cun plan de acción personalizado que inclúa medidas concretas e ferramentas adaptadas á realidade de cada empresa. Nesta etapa, desenvolveranse proxectos innovadores con dinámicas interactivas e experiencias diferenciadoras.

O plan tamén contempla formación específica para o persoal técnico de turismo do territorio e para representantes das corporacións locais con competencias na materia.

“Será un programa integral de dixitalización centrado na práctica e adaptado ás necesidades específicas das entidades, cun enfoque experiencial, sostible e orientado a resultados tanxibles”, resume Santiso.

Con esta iniciativa, a Reserva da Biosfera busca non só avanzar na dixitalización do destino turístico, senón tamén crear unha rede interconectada que fomente a diferenciación, reforce a sustentabilidade e facilite a comercialización de produtos e servizos do primeiro Destino de Ecoturismo certificado de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.12707090377808