Mariñas Coruñesas lanza o primeiro programa integral de dixitalización e IA para o turismo galego

ACoruñaXa
Máis de setenta empresas e persoal técnico municipal formaranse nas vindeiras semanas para aplicar ferramentas dixitais e mellorar a competitividade do destino
ABEGONDO ia
20 Oct 2025

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas presentou esta mañá na súa sede de Abegondo o Programa Integral de Dixitalización e Formación en Intelixencia Artificial, unha iniciativa pioneira en Galicia dirixida ao sector turístico do territorio. O acto estivo presidido por José Antonio Santiso Miramontes, quen salientou que o proxecto supón 'un paso decisivo na transformación e modernización' do destino Mariñas Coruñesas. O programa enmárcase no Plan de Sustentabilidade Turística e conta con financiamento dos fondos europeos Next Generation.

Nas próximas semanas, máis de setenta empresas certificadas e persoal técnico dos concellos da Reserva participarán nun itinerario práctico que combina obradoiros, diagnósticos individualizados e plans de mellora adaptados a cada negocio. A metodoloxía aposta polo aprendizaxe experiencial, a gamificación, o uso de IA aplicada e un acompañamento personalizado, co obxectivo de impulsar unha dixitalización real e sostible que xere valor, mellore a competitividade e fortaleza o tecido local.

Santiso puxo en valor o modelo de gobernanza público-privada que caracteriza a Mariñas Coruñesas e agradeceu o compromiso dos 17 concellos, do empresariado turístico e do equipo técnico que coordina o proxecto. 'A dixitalización será a ponte para conectar mellor coas persoas visitantes, comunicar con autenticidade o que somos e impulsar un turismo máis sostible e competitivo', sinalou, antes de concluír que a IA e as ferramentas dixitais 'son un medio para seguir coidando o territorio, ás persoas e o futuro'.

⚙ Configurar cookies
0.072425127029419