Mariñas Coruñesas impulsa unha base náutica en Betanzos como centro para o ecoturismo sostible

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas continúa dando pasos firmes cara a un modelo de turismo sostible coa posta en marcha dunha base náutica en Betanzos, que funcionará como eixo de operacións para actividades de ecoturismo, divulgación ambiental e conservación da biodiversidade. O novo equipamento, que se situará no Paseo da Tolerancia, será clave para consolidar a estratexia da entidade e dinamizar o uso público dun espazo de alto valor natural e histórico.
A localización escollida conecta directamente a zona litoral coa interior da Reserva a través do río Mandeo, permitindo a práctica de actividades náuticas e medioambientais ao longo de todo o ano. A actuación busca, ademais, achegar os valores da Reserva ás xeracións máis novas mediante unha aprendizaxe práctica e vivencial, fomentando a restauración dos ecosistemas e compatibilizándoa cun uso tradicional e respectuoso da contorna.
A redacción e execución do proxecto sae a licitación cun orzamento de 243.000 euros, financiado con fondos europeos Next Generation ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística. O edificio contará cun espazo común polivalente, sala de xuntas, vestiarios accesibles, zona de almacenaxe e unha área para a promoción de experiencias de ecoturismo e empresas certificadas da Reserva. A superficie mínima será de 125 metros cadrados e contará cun deseño modular, sustentable e adaptado ao medio.
A instalación seguirá criterios de eficiencia enerxética e sustentabilidade, incorporando sistemas de enerxía renovable, reutilización de auga e materiais de baixo impacto ambiental. Desde a Reserva destacan que será un exemplo de arquitectura contemporánea con vocación pedagóxica e divulgativa.
Segundo o presidente da Reserva, José Antonio Santiso, “non se trata dun mero punto loxístico, senón do núcleo de operacións para as actividades deportivas, a investigación, a educación ambiental e a conservación vencelladas á biodiversidade do noso litoral”. Tamén subliñou o compromiso da entidade cun modelo de ecoturismo “certificado, respectuoso e coherente co valor deste territorio recoñecido pola UNESCO”.
O proxecto completarase cun pantalán accesible e público con punto de recarga eléctrica e servizo de auga doce, que facilitará a práctica de actividades náuticas sostibles. Este equipamento forma parte dunha rede de pantalanes públicos previstos noutros concellos costeiros da Reserva, pendentes das autorizacións sectoriais correspondentes, co obxectivo de mellorar a accesibilidade universal en zonas de alto valor patrimonial.