Mariñas Coruñesas impulsa a conservación da biodiversidade cun proxecto presentado en Arteixo

ACoruñaXa
A iniciativa LIFE Global ten como obxectivo restaurar áreas de alto valor para a conservación
biosfera-arteixo
27 May 2025

A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas deu a coñecer no Museo do Mar de Sorrizo (Arteixo) o proxecto LIFE Global, unha iniciativa que ten como obxectivo restaurar áreas de alto valor para a conservación e facer fronte ao impacto do cambio climático nos ecosistemas do norte da Península Ibérica. A presentación celebrouse coincidindo co Día da Rede Natura 2000.

O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, foi o encargado de abrir o acto, no que tamén participaron o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; o director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da USC, Pablo Ramil; e a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Marisol Díaz.

Coordinado pola Universidade de Santiago, o LIFE Global conta con socios institucionais e organizacións de Galicia, Castela e León, Euskadi, Navarra e a rexión norte de Portugal. O seu propósito é combater a fragmentación e deterioración dos ecosistemas a través de actuacións directas en dez hábitats prioritarios.

No caso concreto de Mariñas Coruñesas, as accións centraranse na costa de Arteixo, dentro do ZEC Costa da Morte, onde se traballará na recuperación do brezal húmido atlántico, un hábitat especialmente vulnerable. Así mesmo, identificáronse tres especies prioritarias para a conservación: dúas plantas —Eryngium viviparum (cardillo de lagoa) e Centaurium somedanum (centáurea de Somiedo)— e unha ave, o Tetrax tetrax (sisón común).

En total, o proxecto actuará sobre unha superficie de máis de 1.300 hectáreas a pequena escala, poñendo o foco en valores naturais concretos. “A conservación da biodiversidade non é un luxo, é unha necesidade. É a base do noso benestar, da nosa economía e da nosa calidade de vida”, salientou Santiso, quen tamén puxo en valor o programa LIFE da Unión Europea como “un exemplo de cooperación transnacional con resultados recoñecibles”.

O presidente da Reserva destacou ademais a importancia de comprender a conservación non como unha limitación, senón como unha oportunidade: “A Rede Natura 2000 non é só protección, é un modelo de coexistencia, igual que a figura da Reserva da Biosfera, onde a actividade humana e o respecto pola natureza poden e deben ir da man”.

⚙ Configurar cookies
0.15590906143188