Mariñas Coruñesas forma en digitalización e intelixencia artificial a empresas turísticas e técnicos municipais

A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas lanza o seu primeiro Plan de Dixitalización dirixido á capacitación dixital e á introdución de ferramentas de intelixencia artificial no tecido empresarial turístico. O programa, cofinanciado por fondos Next Generation e enmarcado no Plan de Sostibilidade de Mariñas Coruñesas, desenvolverase entre o 20 de outubro e o 31 de xaneiro de 2026.
O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, subliña que o proxecto aposta 'pola innovación como camiño cara o incremento da calidade turística'. A iniciativa combina formación grupal, visitas a proxectos participantes e asesorías individualizadas destinadas a autónomos e pemes para facilitar a incorporación das últimas tecnoloxías aos seus negocios.
A formación aplicarase un enfoque experiencial e de gamificación para captar a atención do alumnado e evitar a sensación dunha acción formativa tradicional. O programa combinará talleres dinámicos, retos en tempo real e demostracións prácticas, con contidos adaptados á realidade de cada negocio.
Entre os contidos destacan a creación de contido atractivo para redes sociais, a implementación de ferramentas de xestión dixital, a automatización con WhatsApp Business e a optimización da presenza en Google My Business. Na segunda fase desenvolverase un diagnóstico individual e asesorías personalizadas con accións concretas para cada actividade: simulación de cliente misterioso dixital, xestión da reputación online, promoción con bonos ou fidelización por email marketing, así como sistemas de reservas dixitais para aloxamentos.
O plan inclúe tamén un bloque formativo para técnicas e técnicos de turismo do territorio e para membros das corporacións locais con competencias en turismo, que participarán nas sesións para alinearse coas estratexias de dixitalización do destino.
Mariñas Coruñesas busca, ademais de dixitalizar o destino, crear unha rede interconectada que favoreza a diferenciación, potencie a sostibilidade e facilite a comercialización de produtos e servizos do primeiro Destino de Ecoturismo certificado de Galicia. Segundo Santiso, será 'un programa integral centrado na práctica e orientado a resultados tangibles'.