Mariñas Coruñesas asesora 82 proxectos para as axudas LEADER e recibe 24 solicitudes en prazo

ACoruñaXa
Rematado o período de presentación, comeza agora a fase de revisión e baremación das solicitudes
recurso-biosfera
8 Jun 2025

O equipo técnico da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo pechou cun balance moi positivo o prazo de presentación das axudas LEADER 2025/2026. Durante este proceso, os técnicos atenderon e asesoraron un total de 82 iniciativas, das cales 24 foron finalmente formalizadas dentro do período establecido.

Segundo detallan desde a entidade, das solicitudes presentadas, 15 corresponden a proxectos de carácter produtivo, 6 son propostas non produtivas impulsadas por entidades privadas e outras 3 foron promovidas por administracións públicas. A convocatoria deste ano presentaba unha novidade importante: por primeira vez, o prazo para solicitar as axudas reducíase a tan só un mes, fronte á habitual apertura durante todo o ano.

Rematado o período de presentación, comeza agora a fase de revisión e baremación das solicitudes. O orzamento total dispoñible para os proxectos seleccionados ascende a 433.614,12 euros, cun máximo de 50.000 euros por iniciativa.

O presidente de Mariñas Coruñesas, José Antonio Santiso, valorou moi positivamente os resultados: “O éxito total e rotundo que supuxo a convocatoria deste ano”, subliñou, destacando que “o noso equipo técnico asesorou, tratando de maneira individualizada, a un total de 82 promotores”. Santiso tamén puxo en valor o impacto económico que poderían ter os proxectos presentados, xa que “a inversión estimada entre todas as propostas supera os 1,5 millóns de euros, para que nos demos conta e poñamos en valor a relevancia desta liña de axudas”.

O presidente expresou tamén o seu desexo de que “os proxectos poidan ver a luz, sempre e cando se cumpran todos os criterios técnicos e administrativos”, e aproveitou para agradecer “a todo o equipo humano da Reserva da Biosfera, sen o cal non seríamos a referencia que somos hoxe en día”.

As axudas LEADER son unha iniciativa da Unión Europea enmarcada na Política Agraria Común e financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. O seu obxectivo é promover o desenvolvemento económico e social das zonas rurais, incentivando a participación activa da poboación local na definición e posta en marcha de proxectos adaptados ás súas necesidades reais.

⚙ Configurar cookies
0.16755986213684