Mariñas-Betanzos ofrece á Xunta un espazo para valorar a dependencia na comarca

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas – Betanzos vén de poñer a disposición da Xunta de Galicia un espazo da súa sede en San Tirso de Mabegondo para a creación dunha unidade de valoración da dependencia. A iniciativa busca achegar este trámite esencial ás familias dos concellos da contorna, mellorando o acceso a un servizo clave para o benestar da cidadanía.
O presidente do GDR, José Antonio Santiso, mantivo unha reunión coa directora territorial da Consellería de Política Social e Igualdade, María Blanco, á que lle mostrou o local e concretou os termos da colaboración. A proposta encaixa co obxectivo da Consellería de descentralizar o procedemento e aproximar as valoracións ás persoas usuarias.
A unidade permitirá atender a persoas dos municipios de Abegondo, Betanzos, Paderne, Oza-Cesuras, Coirós, Curtis, Aranga, Irixoa, Sobrado, Vilasantar e Mesía. A proximidade do novo punto facilitará os desprazamentos da veciñanza, ao tempo que optimiza o tempo do persoal técnico encargado das valoracións, que tamén se realizan nos domicilios no caso das persoas que non poden desprazarse.
O espazo ofrecido é o módulo anexo á sede do GDR, recentemente renovado e dotado con mobiliario e conexión a internet, o que garante as condicións adecuadas para o desenvolvemento do traballo técnico.
Santiso expresou a “total disposición” do GDR para “contribuír no acceso a un dos servizos públicos máis necesarios para moitas persoas”. “Como agrupación que traballa polo desenvolvemento rural, queremos tamén colaborar no benestar da veciñanza”, engadiu.