Mariñán amplía o seu mapa creativo con 15 residencias artísticas para 2026

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña selecciona proxectos de literatura, pensamento, música e creación de contidos en redes sociais para unha edición que medra con respecto a 2025 e que se desenvolverá en abril no Pazo de Mariñán
DEPU CORU residencias artisticas
26 Mar 2026

As Residencias Artísticas Mariñán darán un salto de dimensión en 2026. A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de facer pública a selección dos proxectos que participarán nesta nova edición, que contará finalmente con 15 propostas fronte ás 8 do pasado ano. O programa desenvolverase no Pazo de Mariñán e mantén a súa aposta por apoiar os procesos creativos máis que as pezas xa rematadas.

A resolución aprobada pola Deputación distribúe os proxectos en catro grandes ámbitos: música, literatura, pensamento e creación de contidos socioculturais en redes sociais. As bases da convocatoria prevían un máximo de 16 residencias, repartidas en 4 de música, 4 de literatura e pensamento e 8 de contidos para redes, pero finalmente unha das prazas desta última área quedou deserta, polo que a edición se pecha con 15 iniciativas seleccionadas.

Na modalidade de literatura foron elixidos Javier Humberto Rodríguez Alonso, con 'Nunca morreramos tan xuntos', e Petra Iglesias Gallego, con 'Disforia: unha mancha de pel allea'. En pensamento, as residencias recaeron en Cristina Rodríguez Barrado, con 'PIM PAM PUM: un entroido!', e Carlos Fernández López, con 'Curvas e pregos. Escuma ou Crinas'.

No ámbito musical participarán O Xoán Faiado, proxecto de Xoán Fórneas, xunto a Gallaecia Ensemble Barroco, Tránsito e PAVA. No caso da creación de contidos socioculturais en redes sociais, os proxectos escollidos son 'CienciA: catro pioneiras galegas', de Yeray Folgar Cameán; 'Cultura ao descuberto', de Candela Lola Battiato Miñones; 'Tradi 2.6', de Miguel Barbazán Lesta; 'Reportando na Zona', de Irene Rouco Táboas; 'carlotaghatos', de Carlota Casal Ramos; 'Séculos Escuros', de Laura Villar Loureiro; e 'Adochinto', de Leticia Mayán Rodríguez.

As estadías creativas terán lugar entre o 13 e o 24 de abril. As de música e contidos en redes organizaranse en dúas quendas de seis días, mentres que literatura e pensamento ocuparán os doce días completos. As bases recollen ademais que o programa ofrece espazos de traballo e aloxamento no Pazo de Mariñán, acompañamento curatorial e, no caso da música, cobertura de necesidades técnicas da creación por ata 5.000 euros por proxecto.

A convocatoria mantén tamén unha liña de identidade clara: o galego debe ser a lingua principal dos proxectos presentados, tanto no ámbito musical como en literatura, pensamento e contidos socioculturais en redes. A área de Cultura define así Mariñán como unha ferramenta para reforzar a profesionalización e a visibilidade da creación contemporánea feita desde Galicia e en conexión co territorio.

0.14202499389648