Mariñán acolle as III Xornadas da Academia Galega de Teatro sobre públicos e sociedade

O Pazo de Mariñán convértese desde ata o venres 31 nun espazo de reflexión e debate arredor do papel do teatro na sociedade coa celebración das III Xornadas da Academia Galega de Teatro (AGT), baixo o lema “Teatro e sociedade: na procura dun público posible”. A inauguración contou coa presenza da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; da presidenta da AGT, Imma António; e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil Nesta.
Durante a apertura, González puxo en valor o papel fundamental do teatro como reflexo da sociedade: “É un espazo onde nos vemos, nos escoitamos e nos emocionamos. Unha arte que precisa do público para existir”. Nese sentido, a deputada incidiu na relevancia do tema central das xornadas: “O público non é unha masa anónima, senón persoas con vidas, tempos e intereses distintos. Conseguir que ese público se implique e se recoñeza no teatro é unha responsabilidade compartida entre creadoras, espazos, administracións e a sociedade no seu conxunto”.
González tamén salientou o compromiso da Deputación co acceso á cultura: “Temos claro que a cultura é un dereito e non un luxo. Sen cultura, non hai cidadanía plena. Por iso apoiamos encontros coma este, que fomentan o diálogo e a reflexión colectiva co obxectivo común de facer medrar o teatro galego”.
Durante os tres días de encontro, preto dunha vintena de profesionais do sector analizarán cuestións como a relación co público desde o punto de vista das creadoras, os espazos escénicos e a xestión cultural, explorando boas prácticas e retos para atraer audiencias diversas e comprometidas.
As III Xornadas da AGT consolidan así Mariñán como punto de encontro para o pensamento teatral en Galicia, cunha aposta decidida polo teatro como ferramenta social, viva e transformadora.