Mariano Rodríguez, presidente do Eirís SD: “O fútbol de barrio é a base dos futuros futbolistas profesionais”

ACoruñaXa
O adestrador analiza o crecemento do Eirís SD e o impacto do fútbol de barrio na cidade da Coruña
Imaxe de Mariano Rodríguez, presidente do Eirís SD
12 Jan 2025

Por Miriam García

A S.D. Eirís é moito máis ca un club de fútbol: representa o espírito do deporte de barrio na cidade da Coruña. Baixo a presidencia de Mariano Rodríguez-Navas Bello (O Grove, 1960) desde 2017, a entidade traballou arreo por medrar tanto dentro como fóra do terreo de xogo. A súa misión non só pasa por competir nas ligas locais, senón tamén por ser un espazo inclusivo onde o fútbol e a integración social van da man. Nesta entrevista, Mariano comparte connosco os retos, éxitos e obxectivos dun club que segue a ser un motor de unión e desenvolvemento no barrio de Eirís.

- En que ano naceu a S.D. Eirís? Fáganos un pequeno percorrido pola historia do club.

A S.D. Eirís é o sucesor do Racing de Eirís, fundado en 1961, que competiu na Liga das Mariñas ata a súa desaparición en 1976. O Eirís actual naceu o 4 de xuño de 1998 co obxectivo de resurxir o fútbol no barrio. Dende entón, logramos títulos como os campionatos de liga nas tempadas 2000/2001, 2001/2002 e 2002/2003, e un subcampionato na Copa AFAC 2003/2004. Na actualidade, somos un club de barrio con máis de 50 socios e arredor de 150 xogadores, dende categorías biberón ata afeccionados, tanto femininos como masculinos.

- Cantos equipos ten o club na actualidade?

O club conta actualmente con 12 equipos, repartidos entre as categorías feminina, masculina e mixta. No ámbito feminino, temos dous equipos: un de Feminino F7 e outro de Feminino F11. A nivel mixto, contamos con equipos desde a categoría biberón ata cadetes, permitindo a participación de nenos e nenas en diferentes idades. Pola súa banda, na categoría masculina, temos equipos xuvenís e modestos, que completan a nosa estrutura deportiva, facendo posible a práctica do fútbol en diversas modalidades e para todas as idades.

-Notaron un "boom" no fútbol feminino? 

Si, notamos un crecemento importante. Unha das primeiras decisións que tomamos na directiva foi reconstruír o equipo feminino. Comezamos con 8 xogadoras nun equipo de F7 e agora contamos con 35 xogadoras, ademais de nenas que participan en categorías mixtas. Tamén desenvolvemos un proxecto de fútbol sala centrado no fútbol feminino grazas á Fundación Emalcsa. Non cremos que sexa unha moda pasaxeira; estamos convencidos de que o fútbol feminino forma parte do pasado, presente e futuro deste deporte.

- O club aposta por manter vivo o deporte de barrio. Como percibe este tipo de deporte na cidade?

O fútbol de barrio é a base dos futuros futbolistas profesionais. Porén, notamos que algúns clubs medraron tanto que dificultan o desenvolvemento doutros equipos máis pequenos. Isto pode desviar o foco do obxectivo principal: fomentar o deporte, a saúde e a aprendizaxe. No noso caso, seguimos traballando para manter viva a esencia do fútbol de barrio e garantir un espazo onde todos poidan aprender e desfrutar do deporte.

- Canto tempo leva no club e que roles desempeñou?

Incorporeime como presidente en marzo de 2017. Durante estes anos, desempeñei varias funcións para cubrir as necesidades do club, pero sempre prioricei a formación dun bo equipo de traballo. Creo que, hoxe en día, podo dicir que logramos ese obxectivo.

- Cales son os principais obxectivos do club esta tempada?

O noso principal obxectivo é consolidar o que construímos. Queremos manter todas as categorías, ensinar fútbol, participar activamente no barrio e continuar coa nosa labor social grazas á Fundación Emalcsa. Deportivamente, aspiramos ao ascenso tanto cos modestos como co Feminino F11, que son os equipos maiores e a referencia para o resto do club.

- Que balance fai da tempada pasada?

O balance é moi positivo. Conseguimos un campo de herba artificial, aumentamos o número de membros na xunta directiva, corpo técnico e socios, e pasamos de ter 7 equipos a completar todas as categorías. Este crecemento é o resultado do traballo das tempadas anteriores. Como se di, recollemos o que sementamos.

- Como club de barrio, notan un vínculo especial con Eirís?
Si, pero cremos que hai que querer pertencer ao barrio. Non só adestramos e xogamos, tamén colaboramos con comercios, asociacións de comerciantes e veciños. Somos o S.D. Eirís, un club formado por deportistas, familias, veciños e negocios. Este sentido de pertenza é o que fai que as persoas se involucren connosco.

- Por último, quere facer algunha reivindicaicón para o club?

Si, a nosa reivindicación vai dirixida a mellorar as infraestruturas deportivas da Coruña en xeral. Necesitamos máis instalacións e tamén arranxar as que están en mal estado. Ademais, é urxente cubrir as instalacións ao aire libre, como o campo de Eirís, xa que a choiva frecuente na cidade fai que sexa necesario. A pesar de que a Federación de Fútbol da Coruña está entre as tres primeiras de España en fichas federadas, as instalacións non están á altura deste crecemento. Queremos agradecer a todos os que nos apoian neste camiño: a Asociación de Veciños de Eirís, a Fundación Emalcsa, Andrade, ACOCEM, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, e especialmente aos veciños do barrio. Somos un club de barrio e, co seu apoio, seguimos crecendo e loitando por ofrecer un espazo de deporte e inclusión para todos.

0.12610507011414