María Rivas salienta os beneficios da dixitalización das receitas de mutualistas

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, participou hoxe no acto de posta en marcha da receita electrónica concertada na provincia, que tivo lugar na farmacia Paula Briones da cidade herculina. Estivo acompañada por Natalia Álvarez, directora de MUFACE na Coruña; Sara Catrain, presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña; e Luciano Vidán, presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña.
Durante o acto, Rivas destacou que con esta implantación “damos un paso adiante na modernización do sistema sanitario” ao permitir que uns 23.000 mutualistas de Adeslas e Asisa da provincia da Coruña poidan acceder aos seus tratamentos sen necesidade de utilizar o talonario en papel. A partir de agora, os médicos prescribirán as receitas de forma electrónica e os pacientes só terán que acudir á farmacia para recoller a medicación.
Este sistema, que se puxo en marcha por primeira vez en Cantabria en 2020, está xa operativo en comunidades como Asturias, Canarias, Extremadura, La Rioja, Murcia, Navarra, Illes Balears, Castilla-La Mancha e nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla.
A receita electrónica garante un uso máis racional e seguro dos medicamentos, facilita o seguimento dos tratamentos por parte dos médicos, evita desprazamentos innecesarios e poderá empregarse en calquera das comunidades onde xa está implantada.
A subdelegada agradeceu expresamente ao Colexio Oficial de Médicos e ao Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña o seu compromiso coa implantación do sistema. “Os médicos son peza clave: eles prescriben, valoran e acompañan. As farmacias, pola súa banda, achegan unha atención próxima, segura e profesional”, concluíu.
Tamén subliñou o traballo realizado por MUFACE no proceso de dixitalización que beneficia ás persoas de forma directa. “Esta iniciativa é un exemplo do que se pode conseguir cando administracións, profesionais sanitarios e colexios oficiais colaboran pensando no benestar da cidadanía”, rematou.