María Rivas destaca en Oleiros a importancia de contar con mulleres referentes na Garda Civil

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, reivindicou en Oleiros a necesidade de contar con mulleres referentes en traballos tradicionalmente asociados aos homes. Fixoo no marco dunhas xornadas organizadas pola Garda Civil, en colaboración co Concello de Oleiros, nas que oito mulleres integrantes de diferentes unidades do instituto armado compartiron as súas experiencias sobre o labor que desenvolven a diario e como viven a súa realidade nunha institución centenaria que só comezou a incorporar mulleres hai pouco máis de tres décadas.
“Hoxe a Garda Civil conta con máis mulleres que nunca e representan xa un de cada tres novos ingresos no corpo. Ademais, van ascendendo na institución e non tardaremos en ver unha muller coronel ou capitá da Garda Civil”, destacou Rivas.
O acto reuniu preto de 400 estudantes de Secundaria dos institutos María Casares, Miraflores, Neira Vilas e Hijas de Cristo Rey. A subdelegada incidiu na importancia da presenza feminina en todos os ámbitos e especialidades da Garda Civil, subliñando o compromiso do Goberno de España na definición dun marco normativo que favoreza e impulse políticas de igualdade como eixe fundamental da súa acción pública.
María Rivas agradeceu ás oito axentes da Garda Civil os seus testemuños nesta iniciativa, enmarcada dentro dos actos polo Día Internacional da Muller, que se conmemora o vindeiro 8 de marzo.
“É un orgullo ver o cambio que experimentou unha institución centenaria como a Garda Civil, que ata hai tres décadas non permitía o acceso das mulleres á Academia de oficiais. Estes avances foron posibles grazas á loita conxunta da sociedade para devolver ás mulleres o lugar que por dereito lles corresponde. Pero esta loita non debe cesar, non só para seguir avanzando, senón para evitar retrocesos en ningunha das conquistas alcanzadas”, concluíu.