María Rivas alerta dos perigos do consumo de alcohol e drogas ao volante

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, alertou esta mañá sobre os graves riscos que supón o consumo de alcohol e drogas durante a condución, nunha demostración de control realizada nunha estrada de Santiago de Compostela, xunto co comandante de Tráfico, José Ángel Corral Segade, e a xefa provincial de Tráfico da Coruña e coordinadora da DXT en Galicia, Victoria Gómez Dobarro. A actividade enmárcase no inicio da campaña especial de vixilancia da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), que se desenvolverá ao longo desta semana nas estradas de todo o Estado.
A subdelegada destacou a importancia desta campaña, que ten como obxectivo previr a sinistralidade viaria derivada do consumo de alcohol e drogas, presentes como factor concorrente en aproximadamente un terzo dos accidentes mortais. “Esta é una campaña cun obxectivo claro: salvar vidas”, afirmou rotunda, porque “estamos a falar dun problema que ten consecuencias graves. Son decisións que, en moitos casos, acaban en traxedia e que se poden evitar”, afirmou.
“Conducir baixo os efectos do alcohol ou das drogas pon en perigo non só a vida da persoa condutora, senón tamén a de outras. A única taxa segura é o 0,0%”, continuou María Rivas, quen insistiu na importancia da prevención como ferramenta fundamental para salvar vidas. “Detrás de moitos accidentes mortais hai decisións que se poderían evitar. O noso compromiso como institución é claro: tolerancia cero co consumo de substancias ao volante. Para iso apelamos á responsabilidade individual”, declarou a subdelegada.
Rivas lembrou que o alcohol actúa como un depresor do sistema nervioso central, afectando á percepción, ao tempo de reacción, á coordinación e á capacidade de xuízo. “A sensación de control que moitos condutores cren ter é enganosa. O seu organismo xa está alterado, o que multiplica exponencialmente o risco de sufrir un accidente”, explicou.
Durante a campaña especial realizada o ano pasado na provincia da Coruña, a Garda Civil de Tráfico efectuou 14.414 probas de alcoholemia, das que 181 resultaron positivas e 332 de drogas, das que foron positivas 148.
“Campañas como esta son necesarias. Non se trata de sancionar, senón de concienciar. De facer entender que cada decisión conta. Que cada vez que alguén escolle non poñerse ao volante tras consumir, está protexendo a súa vida e a doutras persoas”, remarcou.
A subdelegada tamén quixo recoñecer expresamente “o traballo incansable e o compromiso dos axentes da Dirección Xeral de Tráfico, tanto da Garda Civil de Tráfico como do persoal técnico, que día tras día desenvolven un labor fundamental de vixilancia, prevención e sensibilización nas nosas estradas”.
En 2023, último ano con datos consolidados a nivel estatal, 246 persoas faleceron en sinistros de tráfico onde o alcohol foi un factor concorrente, o que representa o 26% dos sinistros mortais. Ademais, o alcohol estivo presente no 13% do total de sinistros rexistrados. Estas cifras convérteno na segunda causa de sinistralidade viaria, só por detrás das distraccións e por diante da velocidade.