María Pita activa a captación de persoal con 33 novas prazas

ACoruñaXa
O Concello da Coruña abriu ata o 15 de abril o prazo para optar a sete postos de acceso libre e 26 de promoción interna, mentres a Deputación move por concurso outros 30 postos de responsabilidade
A CORUÑA concello
Imaxe de Noelia Uceira
17 Mar 2026

O Concello da Coruña puxo en marcha unha nova tanda de procesos selectivos para reforzar a súa estrutura administrativa. O Boletín Oficial del Estado publicou o 14 de marzo tres resolucións que suman 33 prazas no consistorio: 14 de auxiliar administrativo por promoción interna, 12 de técnico medio de xestión tamén por promoción interna e outras 7 de técnico medio de xestión en quenda libre. O prazo de presentación de solicitudes arrincou o 16 de marzo e manterase aberto ata o 15 de abril.

O groso da convocatoria concéntrase na escala de Administración xeral. As 14 prazas de auxiliar administrativo, encadradas no subgrupo C2, e as 12 de técnico medio de xestión, no A2, tramítanse polo sistema de concurso-oposición e están reservadas á promoción interna. A elas súmanse as 7 prazas de técnico medio de xestión en quenda libre, que se resolverán mediante oposición. Nas fichas municipais destes procesos figura ademais que só a convocatoria de acceso libre prevé lista de espera.

A información habilitada por Recursos Humanos engade algúns detalles prácticos para os aspirantes. As solicitudes poden presentarse de maneira telemática a través da sede electrónica municipal con certificado dixital ou tamén en modalidade presencial mediante o modelo correspondente. As bases destas convocatorias foran publicadas ao longo de 2025 no Boletín Oficial da Provincia, con anuncios no DOG en novembro dese ano, e agora dan o salto definitivo ao BOE para abrir o prazo oficial de inscrición.

En paralelo, a actividade administrativa tamén se move na Deputación da Coruña. O BOE recolle desde o 14 de marzo unha convocatoria para cubrir por concurso 30 postos de traballo, entre eles xefaturas de sección, departamento e negociado en áreas como Contabilidade, Normalización Lingüística, Transición Ecolóxica, Arquitectura, Recursos Humanos, Recaudación, Cultura, Servizos Sociais ou Protocolo. Neste caso, o prazo fixado é de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación.

0.13314986228943