María Pan leva a pleno os orzamentos de 2025 e a nova RPT do Concello de Cambre antes da súa renuncia

A alcaldesa de Cambre, María Pan, someterá este martes, 9 de abril ás 11.00 horas, á aprobación plenaria os orzamentos municipais para 2025 e a nova Relación de Postos de Traballo (RPT), dous asuntos que cualifica de “prioritarios” e que pretende deixar resoltos antes do pleno no que formalizará a súa renuncia ao cargo, previsto para o venres 11 de abril.
O proxecto orzamentario, elaborado por segundo ano consecutivo xunto ao concelleiro de Economía, Facenda, Innovación Tecnolóxica e Seguridade Cidadá, Daniel Mallo, ascende a 20,8 millóns de euros. Pan lembra que se comezou a traballar nel en setembro de 2024, pero que os informes necesarios de Intervención e Secretaría chegaron tarde, o que impediu o seu debate antes.
O documento económico inclúe partidas para regularizar servizos municipais en precario e responde ás achegas dos diferentes grupos municipais. No capítulo de persoal, o gasto previsto é de 7,9 millóns de euros, un 0,93 % máis ca no exercicio anterior, co obxectivo de atender as demandas do cadro de persoal e prever a incorporación de técnicos A1 nos departamentos de Secretaría, Intervención e tamén na área de Cultura, Deportes e Xuventude.
En canto aos bens e servizos, o orzamento contempla 1,29 millóns de euros destinados ao pago de bolsas de estudo, axudas de emerxencia social, subvencións para asociacións locais e entidades supramunicipais, así como outras achegas nominativas. Trátase, segundo a rexedora, dunha aposta clara por apoiar o tecido asociativo do municipio e garantir a continuidade das actividades que este desenvolve.
No que respecta aos investimentos, estes superan os 2,3 millóns de euros** e estarán destinados, entre outras actuacións, ao remate das gradas do campo de fútbol de Os Pinares, á instalación de novos baños públicos no parque Ramón Barba e á reurbanización da mazá número 3 do barrio de A Barcala. Ademais, prevese a execución de proxectos de pavimentación de diferentes vías e camiños de titularidade municipal, así como diversas actuacións recollidas no Plan Único 2025.
Neste último apartado inclúese a mellora da accesibilidade e do firme nas rúas Abeleira, Lagoa e Luis Pimentel; o acondicionamento de vías en parroquias como Sigrás, Anceis, Andeiro, Brexo-Lema, Cecebre e Bribes-Cambre; a mellora da rede de recollida de augas pluviais na praza Caso Cortines; e a ampliación dos puntos de luz da rede de iluminación rural en distintas zonas do concello.
Por outra banda, no pleno tamén se debaterá a nova Relación de Postos de Traballo, elaborada durante o anterior mandato cunha empresa especializada e co respaldo dos sindicatos municipais. Aínda que conta con informes negativos por parte das habilitadas nacionais e do xefe da área de Réxime Interior, a alcaldesa lembra que este foi un compromiso adquirido cos representantes sindicais, polo que confía en que a súa aprobación permita dar resposta ás súas demandas.