María Pan deixa a alcaldía de Cambre cunha mensaxe: "UxC seguirá traballando polo interese xeral"

ACoruñaXa
A dimisión de Pan Lesta foi presentada como "un paso necesario" diante da maioría que exercen desde a oposición
dimision-cambre
11 Apr 2025

Cambre pecha unha etapa e abre outra con incertezas políticas tras o pleno extraordinario celebrado, no que se formalizou a renuncia de María Pan Lesta ao cargo de alcaldesa. A dimisión, anunciada xa a semana pasada pola propia Pan, foi presentada como un "paso necesario" diante da maioría que PP, PSOE e BNG exercen desde a oposición.

Durante a súa intervención final como rexedora, Pan apelou á responsabilidade política dos que agora poderían formar goberno: “Deséxolles valentía e acerto nas decisións, sempre a prol dos veciños e veciñas”. A exalcaldesa acusou ás tres forzas de oposición de manter unha actitude de bloqueo sistemático, freando propostas clave para o municipio como os orzamentos de 2025 ou a nova Relación de Postos de Traballo (RPT), rexeitadas no último pleno.

A líder de Unión por Cambre quixo deixar constancia do traballo realizado polo seu equipo ao longo do último ano: a tramitación do PXOM, a próxima adxudicación de obras do Plan Único da Deputación e os avances na regularización de servizos municipais, como os pregos para a limpeza e mantemento de zonas verdes ou a xestión da auga. Tamén destacou que tanto o proxecto orzamentario como a proposta da nova RPT “están enriba da mesa e foron traballados con achegas da oposición”.

Nun ton firme pero conciliador, María Pan rematou lembrando que “a solución é política e pasa pola defensa sen fisuras do interese xeral, que demasiadas veces quedou á marxe dos cálculos partidistas”. A formación Unión por Cambre, segundo dixo, seguirá presente no escenario municipal, “estea onde estea tras o pleno de investidura”.

Agora queda por ver quen tomará as rendas do Goberno local e cal será o equilibrio de forzas nun concello que afronta semanas decisivas.

⚙ Configurar cookies
0.15723490715027