María Negroni e Noelia Gómez protagonizan este luns unha nova sesión de Poetas Di(n)versos no Ágora

O ciclo Poetas Di(n)versos regresa este luns 8 de decembro ao auditorio do Centro Sociocultural Ágora cun novo encontro literario programado para as 20.00 horas. A iniciativa, organizada polo Concello da Coruña e coordinada pola poeta e Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño, continuará activa ata xuño de 2026.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou o compromiso municipal co programa, lembrando que “o Goberno de Inés Rey promove este ciclo de tan alta calidade, que achega á cidadanía o mellor da poesía nacional e internacional e permite encher os espazos municipais de actividade”. Nesta nova sesión participarán a autora arxentina María Negroni e a poeta rianxeira Noelia Gómez Calvo.
Nacida en Rosario en 1951, María Negroni é unha das voces máis recoñecidas da poesía arxentina contemporánea. Poeta, ensaísta, narradora, tradutora e académica, formouse en Dereito na Universidade de Bos Aires e doutorouse en Literatura Latinoamericana pola Universidade de Columbia. Actualmente dirixe a Mestría en Escritura Creativa da Universidade Nacional de Tres de Febreiro. A súa ampla obra inclúe títulos como La jaula bajo el trapo, Islandia, El viaje de la noche, Archivo Dickinson ou El corazón del daño. Ao longo da súa traxectoria recibiu distincións como a Beca Guggenheim, o Premio Internacional de Ensayo Siglo XXI e o PEN Award ao mellor libro de poesía traducida, nunha produción marcada pola intensidade lírica, ecos góticos e unha profunda reflexión sobre a linguaxe.
A poeta e xornalista Noelia Gómez Calvo, nacida en Rianxo en 1995, completará o cartel da xornada. Formada en Artes Escénicas, Xornalismo e Estudos Comparativos de Literatura, Arte e Pensamento, publicou en 2018 o seu primeiro libro, O xiro, co que obtivo o V Premio de Poesía Gonzalo López Abente. O poemario aborda temas como a memoria, a identidade rural e feminina ou o desarraigamento. En 2024 publicou Desenfoque, un volume no que parte dunha experiencia de enfermidade ocular para reflexionar sobre a vulnerabilidade do corpo. Tamén participou en diversas antoloxías e proxectos poético-musicais, e a crítica sitúa a súa obra na tradición feminista galega con referencias a Xohana Torres, Xela Arias ou Eva Veiga.
A asistencia ao recital deste luns será gratuíta ata completar aforo. O evento poderá seguirse tamén a través da canle oficial de Youtube de Poetas Di(n)versos.