María Ferreiro Santos aposta por ‘máis contacto directo coas comarcas’ á fronte do Sindicato Labrego Galego

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Gandeira de vacún e veciña de Teixeiro, chega á secretaría xeral tras 13 anos á fronte da Secretaría das Mulleres do sindicato e pon o foco nos prezos, o relevo xeracional, os servizos no rural e a igualdade
MARIA SLG
21 Jan 2026

Ademais da súa traxectoria orgánica no SLG, Ferreiro é unha voz recoñecida no sector agrogandeiro pola súa defensa das explotacións familiares e do papel das mulleres no rural, combinando a experiencia diaria na granxa cunha visión sindical centrada en mellorar prezos, servizos e dereitos para quen vive do campo.

Para quen non está familiarizado co Sindicato Labrego Galego, que significa ser secretaria xeral? 
Ser secretaria xeral é unha responsabilidade importante, pero eu sempre insisto en que as responsabilidades e as decisións son colectivas. No SLG quen marca o rumbo é a Dirección Nacional, un órgano formado por labregos e labregas de diferentes comarcas e zonas do país, e é aí onde se decide a liña de traballo. A secretaría xeral, por organización, ten que asumir funcións concretas e ás veces ser a cara visible ante unha convocatoria, unha xuntanza ou unha interlocución, pero detrás hai sempre equipo e decisión compartida.

Que responsabilidades levas a cargo no día a día? 
No día a día teño que estar moi pendente das novidades de política agraria, como medidas, lexislacións ou axudas que van saíndo, e ver como encaixan co que o congreso do sindicato aprobou para estes catro anos. Hai tamén moita tarefa de interlocución: con administracións, con outros colectivos e coa base organizada, porque ao final a organización ten que estar ‘en tempo real’ no que lle afecta á xente do campo. E iso complétase co traballo interno de coordinación e de dar seguimento ao que se vai decidindo.

Que foi o primeiro que te dixeches a ti mesma ao coller o cargo? 
A primeira inquedanza foi manter sempre un contacto directo coas persoas e cos sectores. Contacto coa Dirección Nacional, coas comarcas e cos grupos organizados, para ter información de primeira man do que pasa e do que preocupa en cada zona. Iso inclúe desde problemas moi concretos, por exemplo, se pecha unha escola, se falla un servizo público, se hai unha incidencia sanitaria ou ata cuestións que afectan a un sector determinado. A idea é estar ao tanto para poder incidir onde se poida e coa forza que se teña, para cambiar o que hai que cambiar ou demandar outro camiño.

Que che deixa como herdanza a etapa anterior e que sentías que había que actualizar si ou si?
Da etapa anterior quédome con moitas cousas, pero sobre todo coa importancia da autoorganización e de manter espazos propios. Espazos de interlocución e apoio, onde tamén hai lugar para rir, para chorar e para facer comunidade, porque é desde esa ‘voz propia’ desde onde se explica o que pasa e como se vive. A diferenza é que agora o marco é moito máis amplo: antes traballaba cun abano máis acoutado de temas e agora hai unha mestura constante entre a axenda que queres impulsar e o que urxe cada día como organización. Esa ampliación obriga a afinar prioridades sen perder o vínculo co territorio.

Que che gustaría  que a xente notase a curto prazo? 
Gustaríame que a xente note máis presenza no territorio e máis contacto directo, que non sexa só unha cuestión de ‘saír’ en momentos puntuais. No propio congreso creouse a Secretaría de Acción Sindical para reforzar esa idea e combinar mellor o traballo da Dirección Nacional con máis actividade comarcal. O obxectivo é chegar a máis persoas, recoller máis achegas e que a base teña máis canles para participar e para trasladar demandas.

Como levas a conciliación sendo gandeira e, ao mesmo tempo, representante sindical?
Estou adaptándome. Ao principio non é doado, porque tes que encaixar funcións novas e entender ben as responsabilidades, e iso leva tempo. A granxa non é moi grande, sempre houbo granxa na casa e eu decidín establecerme onde nacín, así que agora toca ir axustando organización e tempos para poder cumprir co traballo e coas novas tarefas.

Falouse de reforzar a acción sindical e a presenza no territorio. Que cambios concretos ides facer para estar máis ‘ao lado’ da xente?
A Dirección Nacional é un órgano grande, con máis de sesenta persoas e, aínda que se reúne de maneira ordinaria dúas veces ao ano, non sempre é doado mover tanta xente de tantos puntos. Por iso a idea é sumar actividade comarcal sen substituír a Dirección Nacional, senón para complementar: máis xuntanzas, debates e mobilizacións cando toque, e traballo directo arredor de retos grandes como Mercosur ou negociacións que afectan ao sector. Ademais, cremos que desde a base, coa interlocución directa, a construción é máis rica e tamén se favorece que a xente dea pasos para participar en espazos de maior responsabilidade.

Se tiveras que escoller tres prioridades para esta etapa, cales serían e por que?
Unha prioridade é conseguir estabilidade e prezos dignos, porque a inseguridade nos prezos fai o sector vulnerable en calquera produción. Outra é o relevo xeracional, porque sen condicións mínimas para incorporarse e manter un proxecto, o rural queda sen futuro. E a terceira é recuperar unha interlocución real co sector: non pode ser que as decisións cheguen xa feitas e que despois haxa que reaccionar pola vía da urxencia; fan falta canles estables para falar de medidas, de como se aplican e de como se corrixen.

Hai un tema que cres que non está recibindo suficiente atención pública e que ti queres poñer no centro?
Eu boto en falta máis avaliación real das políticas públicas. Non chega con aprobar unha axuda ou unha medida: hai que mirar despois a quen lle chega, a cantas persoas, a que proxectos, e que impacto ten un ano ou dous anos máis tarde. E esa avaliación debería trasladarse ao sector e á cidadanía, porque falamos de políticas públicas. Tamén quero poñer o foco en cuestións como a titularidade compartida: cando se aprobou falouse de decenas de miles de mulleres que poderían acollerse, pero as cifras reais son baixísimas, e iso obriga a revisar que falla e introducir medidas correctoras para corrixir situacións desiguais.

Que che preocupa máis agora mesmo no sector?
Hai moitos retos, pero dous destacan. O primeiro é a inseguridade permanente dos prezos: independentemente de producir leite, carne ou outras cousas, moitas veces non sabes cal vai ser o teu prezo de venda, e iso complica investir e planificar. E o segundo é que existan leis que deberían protexer ao produtor e non se fagan cumprir: a lei da cadea alimentaria di que non se pode vender por debaixo de custos, pero se non hai seguimento nin se sentan as partes, esa protección queda en papel mollado. Ademais, todo isto está ligado ao relevo xeracional, e os datos de peche de granxas son moi serios. Por exemplo, o leite baixou das 5.000 granxas en Galicia e isto era algo que hai poucos anos parecía impensable.

Cando falamos de ‘relevo xeracional’, que significa de verdade no rural?
Non é só que entre xente nova, é que poida montar un proxecto e vivir del con dignidade. Significa ter futuro: poder investir, manterse e non estar sempre pendente de que un cambio de prezos ou unha decisión administrativa che tire o proxecto abaixo. E tamén significa ter unha contorna que permita quedar: servizos, acceso a recursos e un marco que non che expulse.

Se unha persoa nova che di ‘quero vivir do agro, pero non podo’, que dirías que é o que falla?
Moitas veces é un conxunto. Fáltalle estabilidade e prezos xustos, pero tamén condicións para asentarse: que haxa escola preto, centro sanitario, centro de día se o necesitas, servizos de coidados... Iso afecta a todo o mundo, pero moitas veces pesa aínda máis sobre quen asume os coidados. E tamén está a cuestión práctica de ubicarse: en que etapa vital estás, que proxecto queres, e se o territorio che dá ou non che dá soporte para quedar.

Se tiveras que pedirlle tres medidas inmediatas ás institucións para facilitar incorporacións, cales serían?
Unha primeira medida é garantir interlocución directa e estable co sector desde as administracións con competencias, especialmente a Xunta, para falar das políticas antes e durante a aplicación. A segunda é facer cumprir a lei da cadea alimentaria: se non se pode vender por debaixo de custos, hai que sentar ás partes e asegurar que se respecta, porque un produtor individual non ten capacidade real fronte a grandes compradoras. E a terceira é algo que parece menos ‘urxente’ pero é clave: avaliar as políticas e axudas con criterios claros. É dicir, quen se acolleu, a que proxectos chegou, que resultados deu... e facer públicos eses datos para poder corrixir o que non funciona.

Estiveches anos traballando desde igualdade. Que dirías que che deu esa etapa para liderar agora todo o sindicato?
Deume moito adestramento en escoitar e en estar en contacto directo coa realidade dos proxectos no territorio. E tamén a convicción de que a autoorganización e os espazos propios son fundamentais para que as demandas non se dilúan e para que a ‘voz colectiva’ chegue con claridade onde ten que chegar. Esa experiencia axúdame agora a intentar manter ese fío co territorio, aínda que o marco de temas sexa máis amplo.

Cales crees que son hoxe os principais freos para as mulleres no agro?
Hai freos comúns, como os prezos, o acceso a proxectos ou os servizos, pero para as mulleres segue pesando a falta de corresponsabilidade real nos coidados. No rural, ademais, a distancia aos servizos públicos conta moito: canto tardas en chegar a un colexio, a un centro sanitario, a un centro de día. Tamén segue habendo obstáculos máis sutís no acceso á terra e ao crédito. É dicir, quen avala, quen ‘confía’; e mesmo nas titularidades, onde ás veces se prioriza antes un home ca unha muller. Avanzouse, pero hai retos importantes por diante.

Pasando á actualidade e para cerrar, que nos podes contar sobre as tractoradas en Ourense e Lugo contra o acordo entre a Unión Europea e Mercosur?
Para nós Mercosur é un dos grandes temas e levamos moito tempo mobilizándonos contra este tratado; é unha loita recorrente que volve á axenda cada vez que se pretende ‘asinalo si ou si’. A mobilización é necesaria, pero tamén hai que afinar o foco: ver a quen lle esixes, onde están as maiorías e quen decide que un acordo vai para adiante ou non vai para adiante. Máis alá do efecto inmediato da protesta, importa facer análise política e crítica de por que se aproban unhas cousas e outras non.

⚙ Configurar cookies
0.078149080276489