María do Carme Seijas, Republicana de Honra 2025: un século de loita e memoria viva da cidade

A cidade da Coruña rende homenaxe a unha das súas veciñas máis significativas: María do Carme Seijas Díaz, coñecida como Maruxa Seijas, foi nomeada Republicana de Honra 2025 nun acto institucional celebrado no Palacio de María Pita. A distinción, promovida pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) e o Concello da Coruña, recoñece a súa traxectoria como símbolo da loita pola liberdade, a resistencia á ditadura e a dignidade popular.
O acto contou coa presenza da alcaldesa, Inés Rey; do presidente da CRMH, Carlos Babío; da subdelegada do Goberno, María Rivas; así como representantes da corporación municipal, entidades veciñais e familiares da homenaxeada.
Maruxa Seijas, que o vindeiro 12 de abril cumprirá cen anos, foi definida pola alcaldesa como “moito máis ca unha veciña centenaria; é unha testemuña viva dun século cheo de loita, dor, esperanza e resistencia”. Inés Rey salientou que a historia de Maruxa “é tamén a historia dun barrio que soubo manter a cabeza erguida mesmo nos momentos máis escuros”.
Durante a súa intervención, a rexedora destacou a importancia da memoria histórica como ferramenta para construír unha cidade máis xusta e democrática: “Se queremos unha Coruña orgullosa de si mesma, temos que coidar a nosa memoria, transmitila e defendela. Porque defender a memoria é tamén defender a cidade”.
A homenaxe a Maruxa Seijas converteuse nun exercicio colectivo de lembranza e compromiso, lembrando a todas aquelas persoas que, coma ela, loitaron pola liberdade dende a base da sociedade. Un recoñecemento que pon en valor o papel fundamental da veciñanza na construción da identidade da Coruña.