‘Maré’ e ‘Narices!’ reciben o XX Premio Castelao de banda deseñada da Deputación da Coruña

ACoruñaXa
O certame reafirma o apoio á creación artística e á difusión da lingua galega coa entrega de dous galardóns de 6.500 euros
Premio-Castelao-de-Banda-Deseñada-A-Coruña
16 Jul 2025

A área de cultura da Deputación da Coruña anunciou a decisión do xurado da vixésima edición do Premio Castelao de Banda Deseñada, un certame que subliña o compromiso institucional co fomento da creación artística e da literatura gráfica, tanto en xeral como na literatura infantil e xuvenil (LIX). Cada unha das categorías está dotada cun premio de 6.500 euros para as obras premiadas.

Na modalidade xeral, o proxecto galardoado foi Maré, dos autores Manuel Barreiro Rozados e Elías Oliver Taño. O xurado destacou a forza e o impacto da súa proposta visual, que, cun estilo propio, recrea o universo da clase obreira e do mundo mariñeiro, ofrecendo unha narrativa gráfica plenamente coherente co relato que inspira o proxecto.

Na categoría infantil e xuvenil, o premio recaeu en Narices!, obra da autora Giovanna Lopalco. O xurado adoptou a decisión por unanimidade, salientando a orixinalidade da proposta, o seu estilo fresco e persoal, e o seu carácter dinámico e lúdico. Narices! propón unha experiencia de xogo que, ademais de entreter, revela un gran potencial dentro do ámbito da literatura xuvenil.

A resolución foi tomada polo xurado reunido no Pazo Provincial o pasado 7 de xullo, presidido pola deputada de cultura, Natividade González. Xunto a ela participaron as gañadoras da anterior edición, Sandra Lodi e Laura Suarez Fernández, e especialistas do ámbito cultural: Tomás Guerreiro García, Sara Prieto Puy e Pablo Prado Fernández. González agradeceu “a implicación das persoas integrantes do xurado” e indicou que, por obxectividade, optou por non intervir no debate nin facer uso do seu dereito ao voto.

O Premio Castelao de banda deseñada, que neste 2025 celebra vinte edicións, constitúe un sólido apoio ás persoas creadoras que elixen a banda deseñada como forma de expresión artística. Representa tamén un recoñecemento ao valor cultural desta disciplina e ao seu papel esencial na promoción da lingua galega, da identidade colectiva e da creatividade.

⚙ Configurar cookies
0.18973278999329