Marc Anthony escolle A Coruña para unha das paradas da súa xira mundial “En Vivo”

O vindeiro 13 de xullo, o peirao de Batería converterase nun gran escenario internacional coa chegada de Marc Anthony, un dos artistas máis recoñecidos da música latina, que escollerá A Coruña como parada galega da súa xira mundial “En Vivo”.
A cidade herculina volverá acoller así a un referente indiscutible da salsa e da música latina, que regresa a Galicia oito anos despois de bater récords ao esgotar todas as entradas en tan só 48 horas na súa última visita en 2016.
A actuación foi presentada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, nun acto celebrado na Lonxa da Coruña. “Desde o Goberno de Inés Rey reafirmamos o noso compromiso para manter o estatus da Coruña como gran referente cultural e musical do noroeste, e que artistas deste calibre actúen ano tras ano aquí é un bo síntoma delo”, sinalou Castro.
A xira “En Vivo” está deseñada para ofrecer unha experiencia inmersiva ao público, cun percorrido musical polos grandes éxitos de Marc Anthony que marcaron máis de tres décadas de carreira. Temas como “Vivir mi vida”, “Flor pálida”, “Valió la pena” ou “¿Y qué precio tiene el cielo?” formarán parte dun repertorio que combina emoción, enerxía e unha posta en escena de alto impacto visual.
Este novo concerto supón non só o regreso dun dos artistas máis influentes da música latina, senón tamén unha aposta firme do Concello da Coruña por seguir situando a cidade na ruta dos grandes eventos musicais internacionais. O peirao de Batería consolidarase así como espazo de referencia para citas culturais de primeiro nivel.
Con múltiples premios Grammy e Latin Grammy no seu haber, e unha traxectoria marcada pola versatilidade e o éxito internacional, Marc Anthony continúa a facer historia cun estilo propio que conquistou a millóns de persoas en todo o mundo. A súa parada na Coruña promete ser unha das grandes citas musicais do verán en Galicia.