Mar deixa aberta a porta a reactivar o libre marisqueo na ría de Ares-Betanzos se o avalan as mostraxes

ACoruñaXa
A Xunta reuniuse coas confrarías para analizar a petición do sector, con especial atención á zona de Sada, e condiciona calquera decisión aos resultados técnicos tras as últimas choivas
BETANZOS reunión libre marisqueo
26 Feb 2026

A Consellería do Mar abordou coa representación das confrarías da ría de Ares-Betanzos a posible apertura do libre marisqueo, unha demanda que o sector trasladou especialmente no ámbito de Sada. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, explicou na reunión que calquera autorización dependerá dunha avaliación técnica previa do estado do recurso, marcada polas condicións das últimas semanas e pola elevada pluviosidade.

Segundo indicou a Xunta, antes de tomar decisión algunha realizaranse mostraxes nos bancos marisqueiros para comprobar se existe marisco en talla comercial e analizar a súa situación sanitaria, co obxectivo de descartar posibles afeccións asociadas ás choivas recentes.

Estes traballos encaixan no procedemento habitual e contarán coa avaliación do Intecmar, que revisará parámetros como a presenza de biotoxinas, a contaminación microbiolóxica e outros indicadores necesarios para autorizar a actividade extractiva. Se os resultados son favorables, a Administración autonómica estudará unha apertura limitada no tempo, sempre supeditada ao estado real do recurso.

No encontro participaron representantes das confrarías de Sada, Pontedeume, Ferrol e Barallobre. A Consellería do Mar reiterou a súa disposición ao diálogo e avanzou que, unha vez estean os datos das mostraxes, convocará unha nova reunión, previsiblemente a vindeira semana, para trasladar conclusións e, se procede, organizar a apertura do libre marisqueo.

0.1295051574707