Maquinaria de segunda man e tradición ecuestre, protagonistas dunha fin de semana no Mesón do Vento

ACoruñaXa
Ordes celebra os días 7 e 8 de marzo a Festa do Lacón con Grelos, que incorpora a primeira feira de maquinaria usada e un completo programa de probas de andadura o domingo
ORDES feiras marzo
1 Feb 2026

O recinto feiral do Mesón do Vento volverá encherse de actividade a fin de semana do 7 e 8 de marzo cunha programación que mestura ambiente de feira, gastronomía e propostas para todos os públicos. A gran novidade desta edición será a posta en marcha da I Feira de Maquinaria Agrícola de Segunda Man, concibida como un espazo para mercar e vender tractores e outros apeiros a bo prezo.

A feira de maquinaria desenvolverase durante as dúas xornadas no recinto feiral e inclúe un canal de contacto para quen queira participar ofrecendo a súa propia máquina, a través de WhatsApp no 609 375 069.

O domingo 8 a programación sumaralle un marcado acento ecuestre coa Feira Mesón do Vento e as probas vinculadas ao Cabalo Marchador Galego. A partir das 10.00 h haberá andadura libre (1,50 serrada e 1,50 chapeada), morfofuncional de potros, exhibición sub-16 e probas de andadura CMG, antes do descanso do xantar ás 14.00 h. Pola tarde, o cartel complétase coa xincana libre de obstáculos ás 16.00 h e as carreiras de burros ás 17.00 h.

Máis alá das citas ecuestres e da maquinaria, o programa da fin de semana inclúe tamén exposición de gando, encontro folclórico, pasarrúas e actuacións musicais, ademais das degustacións de lacón con grelos nos bares e restaurantes da zona.

0.12453603744507