Manel Cráneo é o novo director artístico do festival 'Viñetas desde o Atlántico'

O coruñés Manel Cráneo será o novo director artístico do 'Viñetas desde o Atlántico'. Así o confirmou este xoves pola mañá o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, no pleno municipal celebrado en María Pita. Deste xeito o Salón Internacional do Cómic da Coruña terá unha nova directiva.
Manel Cráneo, fundador e responsable do selo Demo Editorial, asumirá o seu novo cargo xa na edición deste ano, a número 27 dun festival que é un referente da banda deseñada a escala mundial, con milleiros de persoas asistentes ano tras ano.
A elección de Cráneo como novo director artístico do 'Viñetas desde o Atlántico' foi posta en valor por Gonzalo Castro, que lembrou que o artista herculino "xa foi unha figura fundamental na edición do ano pasado, de absoluto consenso en todo o sector", e incidiu en que "conta cunha traxectoria impecable".