‘Mamma mia!’ chega ao Palacio da Ópera con 14 funcións en xullo e máis de 25.000 entradas xa dispoñibles

A Coruña volverá acoller un dos grandes títulos do circuíto de musicais coa chegada de 'Mamma mia!', que se representará no Palacio da Ópera do 16 ao 26 de xullo. O espectáculo ofrecerá un total de 14 funcións e contará con máis de 25.000 entradas á venda, segundo anunciou este martes o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, durante a presentación.
Castro salientou que a cidade leva anos apostando por este tipo de montaxes como grandes eventos culturais que, ao tempo, funcionan como motor para a promoción turística. “Temos unha estratexia clara para traer á Coruña as mellores producións estatais e internacionais”, apuntou, enmarcando a programación na liña de traballo do Goberno municipal.
No acto participaron tamén o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e a delegada territorial da Xunta, Belén Docampo. Ademais, interveu Javier Muñiz, director de programación de ATG Entertainment España. O edil agradeceu a colaboración de Turismo de Galicia e da Xunta nos eventos culturais que se desenvolven ao longo do ano na cidade, destacando a coordinación institucional para ofrecer propostas de gran formato.
A produción que chega á Coruña é unha nova versión do musical baseado nas cancións de ABBA, con escenografía, vestiario e coreografías orixinais, ademais de letras e arranxos musicais renovados. O espectáculo vén avalado polo seu percorrido recente en Madrid, onde permaneceu tres temporadas no teatro Rialto da Gran Vía e superou as 800.000 entradas vendidas.