Malandros impónse no concurso de comparsas, inaugurando o Antroido da Coruña 2025

ACoruñaXa
Nunha explosión de música, cor e humor na modalidade de música e letra
coruña-entroido
23 Feb 2025

O Antroido da Coruña arrincou cunha explosión de música, cor e humor coa celebración do tradicional concurso de comparsas na modalidade de música e letra, que tivo lugar en Palexco. Nesta nova edición, a comparsa Malandros proclamouse gañadora no ano do seu décimo aniversario, conquistando ao público e ao xurado coa súa interpretación.

O humorista galego David Amor foi o encargado de presentar o certame, no que competiron oito comparsas: Amigos da Xoldra, Malandros, Melandrainas, Montealto a 100, Os Maracos e Pantaleón. Fóra de concurso, tamén participaron Badabum Sorpresa e Os Kilomberos de Monte Alto, que fixeron as delicias do público nunha tarde que quedará gravada na memoria do carnaval coruñés.

Tras Malandros, os grupos Amigos da Xoldra e Montealto a 100 acadaron o segundo e terceiro posto, respectivamente. Ademais, o xurado concedeu áccesits a Pantaleón, Os Maracos e Melandrainas, en recoñecemento ao seu esforzo e creatividade.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu o xurado e destacou “a calidade, talento e inxenio” amosados polas agrupacións. “O espírito do Antroido da Coruña está en tardes como a de hoxe, nas que as entidades e asociacións culturais formadas por veciñas e veciños enchen de vida a nosa cidade co seu sentido do humor. Este patrimonio cultural debemos coidalo e preservalo”, sinalou a rexedora.

Xunto á alcaldesa, o xurado estivo composto por Xosé Alfeirán, profesor, historiador e escritor; Elena Umbría, directora da Escola Municipal de Música; Francisco Manuel Vecino, músico da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC); Lara Fernández, xornalista; e Ana Canosa, técnica do IMCE, que actuou como secretaria.

Como gañadora do certame, a comparsa Malandros terá a honra de interpretar en directo as súas dúas cancións no acto de entronización do deus Momo, que se celebrará o venres 28 de febreiro no Obelisco, ás 21.00 horas.

0.18877196311951