Máis terreo para a 'Catedral' do autocróss: luz verde inicial a un plan que amplía e reordena o circuíto de Morás

O Concello de Arteixo vén de aprobar inicialmente un plan especial de dotacións para redefinir o ámbito do circuíto de autocróss situado na parroquia de Morás. O documento permite integrar no recinto cinco parcelas de titularidade estatal cedidas de balde polo Ministerio de Fomento, que suman arredor de 56.000 metros cadrados.
Con esta incorporación, o plan redelimita o circuíto ata acadar unha superficie total de 204.000 m², unha modificación que busca ampliar e reordenar os espazos dun trazado histórico no municipio. Tras a aprobación inicial, o expediente foi remitido ás administracións que deben emitir informes preceptivos: o Ministerio de Transportes, a Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia, Patrimonio Cultural e o Ministerio de Transformación Dixital (telecomunicacións). Unha vez cheguen os ditames favorables, o Concello avanzará cara á aprobación definitiva.
O obxectivo do Plan Especial é ordenar polo miúdo unha bolsa de solo non urbanizable, cumprindo a normativa sectorial aplicable, para facer posible unha nova organización do circuíto e completar usos e instalacións. A cesión das parcelas, segundo explica o Concello, foi clave para gañar marxe e redistribuír mellor as diferentes zonas do recinto.
As probas están organizadas pola Peña Autocross Arteixo, unha entidade deportiva con máis de tres décadas de traxectoria. A propia organización reivindica o prestixio do circuíto, coñecido popularmente como 'A Catedral', cuxo nome oficial é 'José Ramón Losada'. O trazado está situado en Santa Icía de Morás e conta con 1.150 metros de lonxitude e un ancho que vai dos 12 aos 16 metros, ademais dunha zona de boxes con capacidade para 150 vehículos e servizos como tomas de corrente, baños e duchas.
O momento chega, ademais, co foco posto no salto internacional. O Concello indica que a FIA remitiu recentemente un informe favorable no que avala que o evento de Arteixo cumpre os requisitos para acoller un Campionato de Europa de Autocross e Carcross, un paso que reforza a aspiración de entrar no calendario europeo de cara a 2027.