Máis seguridade e comodidade no parque Sofía Casanova tras a renovación do mobiliario

O parque Sofía Casanova, en Vilaboa, conta xa con mobiliario urbano renovado despois da intervención realizada polo Concello de Culleredo, que decidiu substituír os bancos ao comprobar o avanzado deterioro das pezas anteriores. Segundo explica o goberno local, o seu estado podía supoñer un risco para as persoas usuarias dun espazo que, pola súa localización, é un punto de paso habitual para familias e escolares.
A actuación chega tras a petición do ANPA do CEIP Sofía Casanova, que trasladou ao Concello a situación do parque e advertiu dos danos detectados. Unha vez revisado o mobiliario, a administración local optou por facer o cambio “de forma inmediata” para reforzar a seguridade e o mantemento dun lugar de encontro moi utilizado no día a día do barrio.
Desde o goberno municipal salientan tamén o papel das asociacións vinculadas aos centros educativos á hora de detectar necesidades e activar solucións rápidas. A colaboración co ANPA, sinalan, permite afinar as prioridades en espazos onde a presenza de menores fai especialmente importante o bo estado do equipamento urbano.
A mellora non quedará aí. O Concello avanzou que o parque sumarase proximamente á construción dunha pista multideporte nova, cun investimento de 100.793 euros, incluída no plan de infraestruturas deportivas aprobado no pleno de decembro, que mobiliza actuacións en distintas instalacións municipais.