Máis participación para o V Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais da Diputación de A Coruña

ACoruñaXa
A Deputación pecha o prazo con 64 candidaturas, 12 máis ca o ano anterior, e fará público o fallo o 10 de abril nun acto con seis galardóns de 7.000 euros
premio-boas-practicas-coruña
9 Feb 2026

O V Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, correspondente ao ano 2025, rexistrou un novo aumento de participación na provincia da Coruña. A convocatoria impulsada pola Deputación pechou o prazo con 64 candidaturas, o que supón 12 máis ca na edición anterior.

Do total de solicitudes, 30 concorren á modalidade de Traxectoria da entidade, enfocada a recoñecer o labor continuado e o impacto sostido das organizacións do terceiro sector. As 34 restantes preséntanse á modalidade de Proxectos, centrada en iniciativas concretas de intervención social desenvolvidas no ámbito provincial.

A deputada responsable da área, Mar García Vidal, valorou o incremento e destacou que o aumento de propostas evidencia ‘a vitalidade do tecido social’ e o prestixio que foi gañando o premio como escaparate para dar visibilidade ao traballo das entidades. García Vidal subliñou tamén o compromiso do sector coa innovación e coa mellora continua dos servizos que prestan á cidadanía, poñendo en valor o papel da Deputación como administración que impulsa e acompaña estas iniciativas.

O certame ten como finalidade recoñecer, visibilizar e difundir experiencias innovadoras e de calidade promovidas por entidades sen ánimo de lucro, especialmente aquelas orientadas a mellorar o benestar social e a atención de persoas e colectivos en situación de maior vulnerabilidade. Agora, as candidaturas serán avaliadas polo xurado segundo criterios como a calidade técnica, o impacto social, o carácter innovador e a sustentabilidade.

O fallo darase a coñecer nun acto previsto para o 10 de abril, no que se entregarán os premios ás entidades gañadoras en cada unha das seis categorías. Cada galardón conta cunha dotación de 7.000 euros, destinada a reforzar e impulsar os proxectos recoñecidos.

⚙ Configurar cookies
0.078875064849854