Máis dun millón de euros para remodelar a Avenida da Praia cunha nova senda e carril bici

A contorna do encoro do polígono de Sabón está a piques de cambiar de cara. O Concello de Arteixo vén de sacar a licitación a transformación da Avenida da Praia, un proxecto cun orzamento de máis dun millón de euros que busca mellorar a mobilidade e a seguridade vial nunha das zonas con máis tránsito do parque empresarial.
A actuación contempla a creación dunha nova senda peonil de dous quilómetros de lonxitude e un carril bici paralelo, coa intención de impulsar os desprazamentos a pé e en bicicleta e reforzar o servizo biciArteixo. O plan inclúe tamén a reordenación do estacionamento coa habilitación de 207 prazas, sete delas adaptadas.
Segundo o proxecto, a intervención deseñará itinerarios claramente diferenciados para reducir conflitos entre vehículos, ciclistas e peóns, ao tempo que se integra no espazo con varandas de madeira e materiais respectuosos coa contorna. As obras terán un prazo de execución de seis meses a partir da adxudicación.
Esta licitación encaixa na liña de actuacións que o goberno local vén anunciando para gañar espazos máis amables e favorecer a mobilidade alternativa en Sabón, aproveitando a proximidade do encoro do Rexedoiro como elemento central da contorna.