Máis dun cento de participantes gozan das Xornadas de Orientación en Culleredo

O Xardín Botánico e o Paseo da Ría do Burgo foron o escenario dunha nova edición da Xornada de Portas Abertas de Orientación organizada polo Club Gallaecia Raid en colaboración co Concello de Culleredo. A actividade, que busca dar a coñecer este deporte entre os familiares e amigos do club e os residentes no municipio, acadou nesta ocasión un récord de participación.
Case un cento de orientadores afeccionados sumáronse a esta proposta lúdico-deportiva, sen ánimo de lucro, que ano tras ano supera as expectativas de organización e asistencia. A mañá discorreu entre balizas, brúxulas e moita diversión, aproveitando as boas condicións meteorolóxicas dende as 10.30 horas ata ben pasado o mediodía.
As persoas participantes afrontaron dous percorridos diferentes. Nun primeiro momento, desprazáronse polo paseo marítimo da Ría do Burgo, guiándose cun mapa a escala 1:4000 que representaba a ubicación das balizas espalladas ao longo do trazado. Unha vez rematada esta primeira parte, pasaron a unha segunda actividade dentro do recinto e os xardíns do Xardín Botánico, empregando un mapa a escala 1:1500, nun xogo de orientación que fixo as delicias dos asistentes.
Esta cuarta edición reafirma o éxito dunha proposta que consolida a orientación como unha actividade atractiva e accesible para todas as idades en Culleredo, e que deixa aos participantes coas ganas de repetir nas próximas citas organizadas polo Club Gallaecia Raid.