Máis de mil escolares encherán de música e solidariedade o Coliseum na gala do Festival Intercentros

O Coliseum da Coruña acollerá mañá unha nova edición dunha das citas solidarias máis consolidadas do calendario educativo da cidade. A XXIV gala do Festival Intercentros reunirá a máis de 1.000 nenos e nenas de máis de 30 centros educativos coruñeses nun espectáculo no que a música, o baile e o compromiso social volverán ir da man.
A iniciativa, organizada pola Asociación Cultural Festival Intercentros co patrocinio do Concello, terá este ano un marcado carácter benéfico. A recadación obtida coa venda de entradas destinarase ás asociacións Daño Cerebral A Coruña e Boa Noite, mentres que o público asistente deberá achegar tamén un quilo de alimentos que recollerá o Banco de Alimentos Rías Altas.
A gala converterá o recinto nun gran escenario para o talento escolar, con actuacións de canto, música en directo e coreografías preparadas ao longo dos últimos meses polos participantes. O festival mantén así unha fórmula que o consolidou co paso dos anos como unha referencia na cidade, combinando exhibición artística e finalidade solidaria.
Desde o Concello puxeron en valor o sentido educativo e social da proposta. O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, destacou a implicación da rapazada nun proxecto que, ademais de dar visibilidade ao seu talento, contribúe a fomentar valores como a solidariedade e o compromiso co labor das entidades sociais da Coruña.